Luís Pérez Barral traslada ao IGVS as propostas de Ribeira para facilitar o acceso á vivenda

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, reuniuse estes xoves 17 de outubro co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, a quen lle trasladou a necesidade de establecer accións que “permitan facilitar o acceso á vivenda para as familias e a mocidade do municipio”.


Durante o encontro, o rexedor achegou varias medidas destinadas ao devandito, entre as que se atopan a rehabilitación de vivendas antigas para destinalas a alugueiros a prezos accesíbeis ou facilitar a finalización de urbanizacións e edificios que aínda se manteñen sen rematar.


Ademais Pérez Barral solicitou que Ribeira sexa incluída no programa de construción de vivenda protexida emprendida polo Goberno galego para aliviar as dificultades de acceso á vivenda. Porén, esta cuestión foi desbotada polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, quen informou de que non existe previsión de que a Xunta de Galicia vaia facer vivendas de protección oficial no municipio.


O secretario xeral trasladoulle ao rexedor as diferentes liñas de axudas existentes para o sector privado e particulares como as axudas a promotores de vivendas para alugueiro, o programa de mobilización de vivendas para alugueiro e as que teñen para axentes da propiedade inmobiliaria e xestores inmobiliarios.