Luís Pérez Barral: “coa ilusión da rúa construiremos a mellor Ribeira da nosa historia”

O candidato do BNG á Alcaldía aposta por un proxecto centrado nas persoas, na defensa dos servizos públicos e na igualdade entre o centro e as parroquias fronte a un ano de goberno do PP que cualifica de tempo perdido. Ana Pontón móstrase convencida de que Pérez Barral volverá á Alcaldía con máis forza nas eleccións municipais do 23 de maio de 2027.

Ribeira, 16 de outubro de 2026. O BNG anunciou hoxe a candidatura de Luís Pérez Barral á Alcaldía de Ribeira nas eleccións municipais de maio de 2027, coa vontade de recuperar o camiño de avance iniciado durante o seu goberno e construír, da man da veciñanza, «a mellor Ribeira da nosa historia». Arroupado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, polos seus pais, polo seu equipo e por compañeiros e compañeiras da organización, o nacionalista reivindicou a ilusión que percibe nas rúas e a responsabilidade de seguir traballando por Ribeira.

«Hai uns días, unha veciña colleume do brazo e díxome: “Luís, non vos rindades. Aquí somos moitos os que estamos esperando por vós para que Ribeira mellore”», relatou Pérez Barral, que asegurou que esas palabras representan a confianza e a esperanza de moitas persoas. «Un pode deixar de ser alcalde dun día para outro, pero non deixa de sentir a responsabilidade de traballar pola súa xente. A min non me cambiou o que me trouxo ata aquí: sigo tendo as mesmas ganas de escoitar, percorrer as parroquias e buscar solucións aos problemas da veciñanza».

O candidato nacionalista contrapuxo esta vontade de traballo á xestión do Partido Popular, un ano despois da moción de censura que interrompeuun goberno que funicionaba e que fora elixido pola maioría da veciñanza nas urnas. «Prometeron desbloquear Ribeira, pero fronte ás promesas baleiras e ás fotografías temos unha realidade marcada pola parálise e por unha xestión neglixente que lastra o desenvolvemento do concello», afirmou.

Neste sentido, advertiu das consecuencias económicas que poden ter para as arcas municipais os problemas herdados da anterior etapa de goberno do PP, entre eles unha débeda de 13 millóns de euros vinculada a obras con sobrecustos e o caso da gasolineira de Xarás, que podería supoñer un custo de ata catro millóns de euros para o Concello. «A pregunta é quen vai pagar as consecuencias. O PP votou que as asuma o Concello e, polo tanto, a veciñanza. Nós defenderemos os intereses de Ribeira e esixiremos que se depuren as responsabilidades que correspondan», asegurou.

Fronte a esta situación, Pérez Barral puxo o foco no futuro e avanzou os catro piares do proxecto co que o BNG pretende volver gobernar Ribeira: a defensa dos servizos públicos e das persoas, a atención ás parroquias, a construción dunha vila máis verde e pensada para a xente e a participación da veciñanza nas decisións municipais.

O primeiro destes compromisos é a defensa das persoas e dos servizos públicos, especialmente da sanidade. O candidato comprometeuse a seguir apoiando as reivindicacións da veciñanza para garantir unha atención sanitaria digna e médicos suficientes. Ao mesmo tempo, rexeitou que o PP queira abandonar o proxecto da residencia pública de maiores nas Saíñas para trasladalo a San Roque. «As persoas maiores merecen unha residencia digna, accesible e integrada na vila, preto das súas familias, das súas amizades e da comunidade na que viviron. Nas Saíñas xa hai 800.000 euros investidos. O que debemos facer é avanzar cara á construción da residencia, non asumir máis atrasos nin comezar de novo un proceso que pode alongarse durante anos», defendeu.

O segundo piar será situar as parroquias no centro das prioridades municipais. Pérez Barral lembrou que durante o goberno do BNG se impulsaron investimentos por valor de sete millóns de euros para mellorar servizos básicos como o saneamento, o abastecemento e as pavimentacións. «Ribeira non acaba no centro. Quen vive nunha parroquia ten dereito aos mesmos servizos e á mesma atención», subliñou. Por iso, comprometeuse a recuperar, a partir de maio de 2027, as reunións parroquiais como espazos de participación nos que a veciñanza poida decidir conxuntamente onde se destinan os recursos públicos.

A transformación urbana cun novo modelo de vila será o terceiro eixo do proxecto nacionalista. O obxectivo é unha Ribeira poida respirar con máis e mellores zonas verdes, espazos públicos de encontro e rúas nas que pasear con seguridade e sen medo aos vehículos. Pérez Barral reivindicou o traballo iniciado coas peonalizacións das rúas Otero Pedrayo e Mendiño e coa remodelación da praza do Centenario, actuacións que enmarcou nun modelo de vila máis amable e pensado para as persoas.

Como exemplo desta visión de futuro, destacou a recuperación do barrio de Banda ao Río, onde naceu Ribeira, coa adquisición da nave de Cerqueira e a consecución de 6,5 millóns de euros de fondos europeos, a maior inxección deste tipo na historia do municipio. O proxecto permitirá revitalizar este espazo cunha gran zona verde aberta ao mar, áreas deportivas e culturais, un edificio destinado á vida social do barrio e un aparcadoiro público soterrado para aliviar os problemas de estacionamento. «Queremos un lugar para vivir, para convivir e para que as distintas xeracións se poidan atopar. Temos visión de futuro e capacidade de xestión para construír unha Ribeira da que toda a veciñanza se sinta orgullosa», salientou.

O cuarto piar, e o máis importante para o candidato, será o poder da xente. Pérez Barral destacou o apoio e o cariño recibidos durante este último ano e asegurou que Ribeira non está condenada a ser gobernada sempre polo Partido Popular. «Durante anos tentaron convencernos de que nada podía cambiar, de que o cambio é imposible porque Ribeira estaba condenada a ser do Partido
Popular, pero agora sabemos que iso non é verdade. Nós xa demostramos o que Ribeira pode facer cando cre en si mesma, cando entra aire fresco nas institucións e cando os recursos públicos se
xestionan con transparencia e honestidade».

Pérez Barral concluíu dicindo: «Nos meses que temos por diante, imos dar o mellor de nós e pedímosvos que nos axudedes a erguer esta marea de dignidade e esperanza. Esa onda imparable que medra cada día fará que a partir de maio de 2027 a honestidade, volva gobernar en Ribeira. Non imos rendernos porque sabemos que o noso concello ten moitísimo potencial e nós temos algo que considero fundamental: a ilusión de quen cre que a mellor Ribeira aínda está por vir. Sorride porque imos gañar».

Ana Pontón: «Luís volverá á Alcaldía con máis forza que nunca»

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrouse convencida de que o nacionalismo recuperará a Alcaldía de Ribeira nas municipais do próximo 23 de maio e que o fará cun apoio maioritario da cidadanía. «Teño a certeza de que hai unha ampla maioría que vai ir votar con ilusión polo BNG e, por iso, estou absolutamente convencida de que Luís vai volver á Alcaldía con máis forza que nunca», proclamou.

Pontón salientou que Ribeira merece recuperar o camiño de avance iniciado en 2023 e deixar atrás «a parálise e o desgoberno» que, ao seu xuízo, caracterizan o actual mandato. Tamén reivindicou a forma de gobernar do BNG, baseada na transparencia, no rigor e na defensa do interese colectivo: «Gobernar non é ocupar o despacho da Alcaldía, é camiñar coa xente, defender o interese colectivo fronte aos intereses partidistas e poñer primeiro as persoas deste concello».

A líder nacionalista destacou, ademais, o traballo realizado polo goberno de Pérez Barral para mellorar a vida da veciñanza e transformar o municipio desde a igualdade, a participación e a boa xestión dos recursos públicos. «Demostramos que outra Ribeira era posible e que hai outra maneira de gobernar na que todos os veciños e veciñas son iguais», afirmou, antes de criticar o abandono do proxecto da residencia pública de maiores por parte do PP e reivindicar a defensa dos servizos públicos.

Pérez Barral concluíu cunha mensaxe de confianza e compromiso coa cidadanía. «A todas as persoas que nos pedides que non nos rindamos podedes estar tranquilas: non nos imos render». O candidato asegurou que o BNG afronta os meses que quedan ata as eleccións con ilusión, traballo e vontade de sumar a todas as persoas que queren unha Ribeira mellor. «Ribeira ten moitísimo potencial e nós temos algo fundamental: a ilusión de quen cre que a mellor Ribeira aínda está por vir. Sorride porque imos gañar», rematou.