Información da terceira xuntanza de seguimento dos problemas coa EDAR de Ribeira

Velaí un resumo da xuntanza de seguimento sobre os problemas que está causando o funcionamento da Estación de Depuración de Augas Residuais (EDAR). Estiveron presentes membros de ACUAES, Augas de Galiza, enxeñeira e técnico de medio ambiente municipais, membros da Corporación Municipal e a plataforma de afectadas/os.


As actuacións a emprender abranguen tres problemas principais que son os seguintes:


Cheiros: como xa se comentara noutras reunións de seguimento, un dos factores principais que provocan os cheiros son a entrada de residuos industriais no sistema e a entrada de auga salgada. Deuse conta de que desde maio de 2017 a empresa Cerqueiras xa está desconectada do sistema xeral da EDAR e os residuos van cara a decantadora do Touro. Desde que se produciu este desvío apreciouse unha melloría no funcionamento da EDAR.


Con respecto ás entradas de auga salgada situadas na lonxa, Palmeira e Aguiño xa están solucionadas coas actuacións que se fixeron que consistiron basicamente na elevación dos aliviadoiros.
No tocante á rede de colectores detectáronse varios problemas, a falta de capacidade nos sifóns e nas tomas de aire a maiores (venteos) e necesidade de mellorar as desodorizacións. Estase traballando na zona do Touro e seguirase tamén na zona de Castiñeiras, na Cruz e na Cerca. Outra das actuacións é a plantación dunha pantalla vexetal para minimizar cheiros e ruídos.


Na xuntanza os responsábeis técnicos dixeron que se rematara o estudo do ión sulfuro no sistema de saneamento, chegando á conclusión de que hai que mudar o sistema de tratamento dos cheiros por un máis grande e vaise facer sen modificar a instalación. Hai unha capacidade de extraído de 1800 e pasarase a 5400, multiplicándoa por tres. Comentaron tamén que se for necesario faríase unha fase máis de desodorización química. Tamén se vai crear unha atmosfera depresiva no interior do sistema o que evitará a saída de cheiros ao exterior, mesmo coa porta aberta e será no interior onde se traten os cheiros conseguindo a eliminación dos mesmos e dos ácidos. No exterior comentouse que quedarían cuns niveis de (0,1 mercaptanos) e (0,2 amonio) sendo inocuos e imperceptíbeis. Os cadros eléctricos trasladaranse fóra a unha caseta para evitar o seu deterioro.


Aliviadoiros: No respectivo ao aliviadoiro dos Areeiros que verte no río Paxariños o Concello de Ribeira está falando con Costas para darlle cumprimento ao acordo plenario aprobado por unha medida proposta polo BNG para levar o aliviadoiro cara o mar.
No tocante aos problema das descargas ao sistema de augas residuais procedentes das limpezas dos colectores, detallouse que persisten, polo que está prevista a construción dun tanque de receptores, dentro da instalación da EDAR onde poderán depositarse estas augas residuais. Tamén se tivo en conta unha petición do BNG e na sesión plenaria celebrada o 14/09/2017 acordouse contratar a obra para mellorar a rede de saneamento da rúa Ameneiro, Canarias, e Rosalía de Castro á empresa Excavacións Nima SL. Co fin de corrixir tres conexións erróneas na rede de fecais eliminando as verteduras da dársena do porto.


Ruídos: os ruídos producidos polas tapas das arquetas terase en conta para darlle solución.
Fixéronse melloras na estación dos Areeiros amortiguandose sensibelmente os ruídos producidos pola maquinaria e aparatos eléctricos, cousa que constataron os voceiros/as da plataforma d@s afectadas/os.
Para a realización dos proxectos hai que agardar aos orzamentos, os organismos informaron que era unha prioridade, e os tramites das licitacións estarán sobre 4 meses e outros tantos serán necesarios para a realización material. Informaron de que estarán en prazo para cumprir o compromiso de arranxar o problema antes do verán de 2018. A petición do BNG os organismos encargados dos proxectos entregarán copia destes ao concello de Ribeira para que poidan ser avaliados e fiscalizados polos diferentes grupos políticos.


Reiterouse unha vez máis en que non se recepcionará a instalación namentres persistan os problemas.


A próxima xuntanza de seguimento será en xaneiro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.