O BNG esixe á Xunta que garanta a vacina da gripe para todos os colectivos de risco

A deputada Montse Prado critica a falta de previsión do Goberno galego e pide un informe de situación sobre a actual campaña de vacinación    

O BNG rexistra unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a que consiga o número de doses precisas da vacina da gripe para garantir a súa subministración, como mínimo, a todos os colectivos de risco. A deputada Montserrat Prado traslada deste xeito á Cámara a situación que están a vivir nas últimas datas os centros de saúde, logo de esgotar as doses para subministrar ás persoas que xa dispoñían de cita previa para ser vacinadas.

Esta iniciativa responde á demanda da veciñanza en moitos puntos da xeografía galega que padece a falta de doses da vacina. “En Ribeira xa se deixou con patoloxías graves como cancro e outros problemas de saúde sen ela, non é algo illado, está pasando en todos os centros de saúde” argumenta o concelleiro Luís Pérez Barral.

O concelleiro ribeirense reprocha á Xunta a súa “falta de previsión e a improvisación coa que está actuando o Sergas”, logo de facer un chamamento masivo á cidadanía para que se vacinara contra a gripe como medida preventiva no actual contexto COVID e poder así minimizar os contaxios e evitar o colapso do sistema sanitario.

Ante o esgotamento da vacina, a deputada Montse Prado, asegurou que “existe moito o malestar e a preocupación que se está xerando entre as galegas e os galegos” e considera “inaceptable” que se sume unha nova incerteza a un contexto como o actual e que no ámbito sanitario xa vén marcado “por listas de espera para acceder á atención presencial ou dificultades para a atención telefónica”. Neste sentido, a deputada nacionalista reclámalle ao Goberno galego un informe específico sobre a campaña de vacinación da gripe para coñecer as causas desta situación, o número de doses dispoñíbeis, o cronograma real para a súa disposición e a previsión do número de persoas e colectivos aos que se lles vai poder subministrar.

Prado lembra que o Goberno galego publicitara no seu día a adquisición de 617.500 doses de vacina contra a gripe, ás que se engadirían outras 248.000 achegadas polo Estado, polo que reclama á Xunta que aclare cantas son realmente as doses dispoñíbeis e se está en condicións de garantir o subministro a todos os colectivos de risco.

Nesta batería de iniciativas, a deputada do BNG reclama por último unha campaña informativa na que se lles clarifique aos galegos e galegas cales son os colectivos prioritarios na actual campaña de vacinación e evitar así dúbidas entre o conxunto da cidadanía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.