O BNG propón establecer medidas de calmado de tráfico en Ribeira

O Bloque Nacionalista Galego ribeirense defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa na que pretenden implantar medidas de calmado de tráfico en Ribeira, nomeadamente naquelas vías máis transitadas e nas que se detecta excesos de velocidade.

O concelleiro Luís Pérez Barral, exemplificou a iniciativa co que acontece na Avenida de Ferrol (AC-550), un dos principais accesos a Ribeira desde a rotonda de Xarás cun fluxo de tráfico moi importante. Segundo Pérez Barral “malia que o tráfico é constante, non é estraño ver como moitos vehículos circulan a unha velocidade maior da máxima permitida que é de 50 km/h”. Argumenta que dita estrada atravesa núcleos urbanos cunha gran densidade de poboación como son Deán e Padín, polo que ven necesario tomar medidas que melloren a seguridade viaria dos catro pasos de peóns que hai no trazado tanto para as persoas que se desprazan en vehículos como para as persoas que o fan a pé.

Pérez Barral defendeu o modelo do BNG por ser coñecido polo seu éxito, compromiso firme coa accesibilidade e a seguridade viaria dos veciños e veciñas mediante o calmado de tráfico que xa se leva a cabo en moitas vilas de Galiza e cunha cidade como Pontevedra de referente mundial na posta en marcha deste tipo de medidas de maneira favorábel. “Os datos demostran que a posta en marcha destas actuacións van no bo sentido pois xa son nove anos sen mortes por atropelos e reducíronse os accidentes graves” asegurou.

Desde o BNG cremos que en Ribeira se deberían poñer en marcha medidas de calmado de tráfico naquelas zonas nas que se rexistran velocidades inadecuadas e perigosas para a seguranza viaria. Un claro exemplo son os dous pasos de peóns que están máis próximos á rotonda de Padín, moi empregados polos veciños e veciñas e nos que se rexistra o paso de vehículos a velocidades inadecuadas. O calmado de tráfico nesta zona suporía beneficios claros tales como; redución do risco de morte por atropelo pasando do 50% a 50km/h ao 10% se a velocidade é de 30km/h ou a redución de ruído e da contaminación producida polos vehículos.

Por todo o exposto anteriormente o BNG quere que a Corporación Municipal aprobe os seguintes acordos:

  1. O Concello de Ribeira insta á Xunta de Galiza a poñer en marcha medidas de calmado do tráfico na avenida de Ferrol mediante a instalación de pasos de peóns elevados, con especial incidencia nos dous máis próximos á rotonda de Padín.


  2. O Concello de Ribeira, a través da Policía Local, garantirá a seguranza viaria mediante a intensificación das medidas de control e vixilancia nas estradas nas que se detecte o incumprimento reiterado dos límites de velocidade.


  3. O Concello de Ribeira desenvolverá un modelo urbano baseado nunha mobilidade sostíbel, prioridade peonil e de accesibilidade universal nas obras de reforma que se fagan nas estradas e rúas do municipio.


  4. Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.