PP e PSOE aproban continuar co proceso do auditorio malia os problemas do proxecto

Resumo dos principais temas tratados na sesión plenaria do mes de setembro de 2020

Auditorio: o voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, recriminou a nefasta xestión feita polo Partido Popular provocando inseguridade e a desconfianza do Bloque pois o auditorio comezou cun orzamento de 2,5 millóns de euros con todo o mobiliario e equipamento necesario para o seu funcionamento, pasou a 3,6 e agora xa está orzamentado nos 4,2 millóns de euros sen equipamento e 4,7 se sumamos o equipamento necesario para o seu uso. Con esta xestion, o goberno perde toda credibilidade, unha vez máis, para xestionar grandes proxectos posto que nin tan sequera son capaces de orzamentalo, como ben testemuñan os modificacións do orzamento, chegando a duplicarse. Cremos que sería unha absoluta irresponsabilidade permitirlles seguir adiante con estes feitos.
Vázquez tamén criticou as filtracións de información durante o proceso e acusou ao señor Ruiz Rivas de tentar reponsabilizar á oposición cando o único responsábel de que o novo auditorio non estea xa en construción é del e do seu goberno.

O BNG votou sempre a favor de dotar a Ribeira dunha infraestrutura cultural acorde ás actividades que se desenvolven na vila porque críamos necesario dotar a Ribeira dun equipamento cultural acorde ás necesidades do tecido cultural e asociativo mais o goberno local mostra a súa incapacidade para xestionar responsabelmente e así o ten demostrado outras veces. Cobas fixo un respaso por obras que sempre tiveron problemas e críticas por parte do Bloque como foron a casa da xuventude con anos de parálise, inundacións e humidades, viuse tamén co mercado municipal que tivo que saír licitado dúas veces e presenta múltiples carencias, pasou coa EDAR cuxo funcionamento presentou problemas e agora se lle fai pagar un tarifazo á veciñanza malia o traballo do BNG por evitalo e agora pasou co auditorio “a mala xestión e a incapacidade para gobernar é a marca do PP en Ribeira”.

O BNG por responsabilidade coa xestión dos cartos públicos e ante a moi mala xestión do equipo de goberno opúxose a que a Xunta de Goberno Local, onde só están os concelleiros do PP, sexa quen vaia volver a sacar unha licitación do novo auditorio. Cremos que ante todos os problemas que houbo, no caso de sacar unha nova licitación, todo debería pasar pola fiscalización do Pleno da Corporación Municipal, así como contar con auditorías externas.

O punto aprobouse cos votos a favor de PP e PSOE e os votos e contra de PBBI, BNG e SR.

Outros asuntos:

Nova imaxe corporativa de Ribeira. Aprobada cos votos a favor de PP, BNG, PSOE e abstención de PBBI e SR

Aprobación da gratuidade da escola infantil municipal a partir do segundo fillo ou filla. Aprobado por unanimidade

Actualización dos custos do contrato de xestión da escola infantil tendo en conta as circunstancias provocadas pola pandemia. Desde o BNG non quixemos comprometer a viabilidade da empresa e aproveitamos para darlle os parabéns ao persoal que desempeña un fantástico labor e do que só recibimos boas palabras.
Aprobouse cos votos a favor do PP, BNG e abstencións de PBBI, PSOE e SR.
O concelleiro Luís Pérez Barral aproveitou o debate deste tema para recriminarlle ao Partido Popular que anunciase en agosto a licitación dun novo contrato para xestionar a escola infantil municipal para o curso 2020-2021. Todo o proceso foi feito de maneira unilateral e sen informar á Corporación Municipal. A licitación dese contrato por importe de 400.000€ pode chegar até 2024 coas prórrogas e, sen dúbida, o BNG tería optado pola xestión directa dese servizo.

Proxecto de recuperación da servidume pública de tránsito entre as praias de Mosqueiros e Castiñeiras. O proxecto pretende recuperar o terreo público para poder, no futuro, facer unha senda peonil que permita o paso entre os areais de Mosqueiros e Castiñeiras. Ademais a realización dese sendeiro peonil permitiría garantir o paso dos peóns lonxe da actual estrada que presenta puntos sen beirarrúas. O BNG fixo especial fincapé en que, cando se vaia facer o proxecto, se dialogue coa veciñanza para chegar a acordos e facendo o menor impacto social e ambiental.
Aprobado cos votos a favor de PP, BNG, PSOE e votos en contra de PBBI e SR.

Proxecto de paseo marítimo entre Insuela e Gaivotiñas por valor de 372.000€ que siga facendo accesíbel todo o borde litoral do municipio. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstencións de SR

Acondicionamento do camiño de acceso á casa da cultura de Castiñeiras por valor de 20.700€. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

Proxecto de adecuación dun sendeiro peonil no rego de Pedrín e recuperación do seu entorno natural cun orzamento de 109.000€ Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

Devolución da fianza de 62.000€ a Urbaser polo servizo de recollida e limpeza de lixo prestado desde o ano 1998 até o 2007. Aprobado por unanimidade

Cesión de 90 m² para garantir a accesibilidade no edificio da nova comisaría de policía. Aprobado por unanimidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.