O BNG recrimina a nefasta xestión e a irresponsabilidade de Ruiz co novo auditorio

A asemblea local do BNG celebrou no día de onte unha sesión para debater e analizar os asuntos do pleno e acaba de emitir un comunicado público para aclarar e informarlle á veciñanza sobre o auditorio municipal.

A asemblea local do BNG expresa a súa repulsa ás acusacións lanzadas polo alcalde para reponsabilizar á oposición cando o único responsábel de que o novo auditorio non estea xa en construción é do señor Ruiz Rivas e do seu goberno. A nefasta xestión feita polo Partido Popular provoca inseguridade e a nosa desconfianza pois o auditorio comezou cun orzamento de 2,5 millóns de euros con todo o mobiliario e equipamento, pasou a 3,6 e agora xa está orzamentado nos 4,7 millóns de euros sen equipamento necesario para entrar en funcionamento. Con esta xestion, o goberno perde toda credibilidade, unha vez máis, para xestionar grandes proxectos posto que nin tan sequera son capaces de orzamentalo, como ben testemuñan os modificacións do orzamento, chegando a duplicarse. Cremos que sería unha absoluta irresponsabilidade permitirlles seguir adiante con estes feitos.

O BNG votou sempre a favor de dotar a Ribeira dunha infraestrutura cultural acorde ás actividades que se desenvolven na vila, Ribeira precisa dun equipamento cultural acorde ás necesidades do tecido cultural e asociativo mais o goberno local mostra a súa incapacidade para xestionar responsabelmente e así o ten demostrado outras veces; vímolo no mercado municipal que tivo que saír licitado dúas veces e presenta múltiples carencias, pasou coa EDAR cuxo funcionamento presentou problemas e agora se lle fai pagar un tarifazo á veciñanza malia o traballo do BNG por evitalo e está a pasar co auditorio “a mala xestión e a incapacidade para gobernar é a marca do PP en Ribeira”. Desde o BNG concluímos que estaremos moi vixiantes e seguimos analizando as posíbeis opcións para que as neglixencias do Partido Popular non fagan que Ribeira perda tres millóns de euros de fondos europeos.

One Comment on “O BNG recrimina a nefasta xestión e a irresponsabilidade de Ruiz co novo auditorio”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.