Reunión entre ANPAS de Ribeira e o BNG para analizar un inicio de curso incerto

Anunciamos o traslado das demandas das ANPA ao Parlamento de Galiza e ao Concello de Ribeira: “debe existir un compromiso real co ensino público e iso pasa por garantir os investimentos necesarios”

O BNG ribeirense mantivo unha reunión coas ANPAS do municipio para analizar a problemática do inicio de curso sobre o que teñen moitas dúbidas e incertidume. Na xuntanza estiveron presentes a deputada do BNG Rosana Pérez Fernández, a responsábel local de acción social, Cruz Rivadulla Márquez e os concelleiros do grupo municipal, Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral.

As ANPAS trasladaron a enorme preocupación que lles crea o protocolo da Xunta que non foi consensuado coa comunidade escolar, a falta de profesorado ou de persoal de desinfección nos centros ou os problemas que teñen co transporte escolar. Lamentaron a falta de diálogo da Xunta de Galiza coa comunidade educativa e tamén a opacidade e a ocultación dos datos sobre a incidencia do coronavirus no concello.

Con respecto a problemas concretos que se dan nos centros educativos de Ribeira destacan aqueles coa falta de persoal para desifección, a carancia de espazos e profesorado para desdobrar aulas, o abandono por parte da Consellaría de Educación descargando a responsabilidade con respecto aos comedores ou a incongruencia de ter que compartiren profesorado especialista polo que se preguntan de que valen os grupos burbulla se hai profes que teñen que rotar por aulas e diversos centros.

A deputada, Rosana Pérez Fernández, mostrou o compromiso do BNG cun inicio de curso escolar presencial e seguro, facendo os investimentos precisos que garantan a máxima seguridade da poboación escolar fronte a irresponsabilidade da Xunta que nada fixo en seis meses e improvisa a última hora. Neste sentido, deu conta das diferentes iniciativas rexistradas no Parlamento de Galiza para garantir a desinfección dos centros, a necesidade de facilitar o acceso ás máscaras para familias con recursos económicos limitados ou a necesidade de aumentar o profesorado.

Denunciou tamén as mentiras e a manipulación sobre a contratación de novo profesorado pois nas cifras tamén se inclúen as contratacións que se fan tódolos anos para o programa Arco de reforzo educativo ou profesorado necesario para garantir coa ratio de 25 alumnas/os por aula. “Temos a un goberno máis preocupado polo Xacobeo que polo regreso seguro ás aulas e garantir que hai recursos e persoal suficiente nos centros” agregou Pérez Fernández.

Pola súa banda o voceiro do BNG en Ribeira, Xosé Vázquez Cobas, agradeceu esta reunión que cualificou como “moi produtiva” e mostrou a disposición do Bloque a facer todo o que estea na súa man para trasladar os problemas que poidan detectarse ás institucións onde sexa preciso e comprometeu traballo a nivel municipal para poñer fin a eivas relacionadas co transporte escolar, problemas de goteiras ou a falta de espazo nalgúns centros educativos do municipio.

One Comment on “Reunión entre ANPAS de Ribeira e o BNG para analizar un inicio de curso incerto”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.