O BNG pide actuar contra as verteduras e cheiros en Couso

O lugar de Couso, na parroquia ribeirense de Aguiño, está situado nunha área costeira de especial valor ambiental, onde se fai imprescindíbel a preservación e o coidado do medio para que os recursos dos traballadores e traballadoras do mar non se vexan prexudicados. Malia isto, a zona padece desde hai anos a instalación e actividade de diversas industrias e, máis recentemente, unha EDAR deseñada para atender as necesidades de Ribeira, Palmeira, Castiñeiras, Carreira e Aguiño.

O voceiro do BNG en Ribeira, Xosé Vázquez Cobas, argumenta que en numerosas ocasións ao longo das últimas décadas, os veciños e veciñas reiteraron as súas queixas polos cheiros insoportábeis que padecen e que fan molesta, incómoda e insán a vida preto do lugar. Vázquez lembrou como o BNG se opuxo historicamente á instalación de industrias na zona e como a veciñanza chegara ao punto de recoller sinaturas solicitando que non se concedesen licenzas para industrias potencialmente contaminantes nese punto e na súa contorna.

Tanto a veciñanza como os mariñeiros teñen comprobado en múltiples ocasións a existencia de residuos no mar, da coloración da auga e da presenza de verteduras de aparencia aceitosa. Nas últimas semanas volveu a haber denuncias públicas desta situación que amosan non só ata que límite produce cansanzo na veciñanza do lugar senón tamén grande preocupación.
Ante esta situación a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez Fernández, anunciou a presentación de diversas iniciativas parlamentares para indagar se a Xunta é coñecedora desta situación e se ten pensado investigar e solucionar as verteduras que se están producindo ao medio mariño.

Para a deputada nacionalista, “resulta sorprendente que ningunha administración teña tomado ata o de agora cartas no asunto e decidido investigar a procedencia tanto dos cheiros como das verteduras ao mar a pesar das queixas”. Segundo Pérez Fernández, a situación é de especial importancia precisamente por tratarse dunha zona natural sensíbel e por ser unha zona de importante produción pesqueira e marisqueira, na que mesmo ten lugar un dos eventos gastronómicos de produtos do mar máis coñecidos e recoñecidos no país.

Imaxe: O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, a deputada Rosana Pérez Fernández e o responsábel de ecoloxismo Vicente Paz Carou

One Comment on “O BNG pide actuar contra as verteduras e cheiros en Couso”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.