O BNG proporá construír dous aseos públicos en Ribeira

Ribeira non ten actualmente ningún aseo público e isto é un problema porque, en caso de necesidade, é necesario ir a algún establecemento hostaleiro. O BNG, recollendo a demanda veciñal existente, considera que hai que poñer remedio a esta situación e que xa vai sendo hora de que o Concello de Ribeira constrúa uns servizos públicos que calquera persoa poida empregar.

Recriminamos que o Partido Popular ignore este tema cando é unha demanda veciñal que vén de vello. Para o voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, “os aseos públicos son unha necesidade básica que o concello ten que atender” e considera que Ribeira precisa dotarse de aseos públicos ao contar cunha poboación de 27.000 habitantes que se incrementa de maneira considerábel na tempada estival.

Ante a inacción do Partido Popular, o BNG levará esta demanda á sesión plenaria do mes de setembro e proporá instalar un aseo público no entorno das Carolinas aproveitando as obras que se van realizar e outro no parque de Pedra Pateira. Os emprazamentos escollidos poden ser outros que se consideren máis axeitados, mais cremos que estes lugares teñen un tránsito de persoas elevado pois están en paseos marítimos e teñen a carón parques infantís.

No BNG consideramos que, alén da súa construción, un aspecto fundamental a ter en conta é o mantemento e a limpeza das instalacións, dúas cuestións que o Partido Popular sempre descoida. Propoñemos que se procure un acordo para que as instalacións sexan xestionadas pola concesionaria do saneamento ou do servizo de limpeza. “Non só propoñemos que Ribeira teña aseos públicos que logo fiquen no esquecemento como pasa moitas veces por culpa do desinterese do goberno local, queremos unhas instalacións coidadas e mantidas” concluíu Vázquez Cobas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.