O BNG demanda que se dote ás zonas rurais de Ribeira de internet de calidade

Rexistramos unha iniciativa plenaria ante as queixas recibidas de veciños e veciñas das parroquias para que o Concello de Ribeira non fique de brazos cruzados ante a falta de acceso de calidade á internet nas zonas rurais do municipio.

No BNG cremos que a poboación que vive en zonas rurais precisan contar con todos os servizos fundamentais de maneira igual aos habitantes que viven nos ámbitos urbanos, entre estes servizos non só está o saneamento, a auga, o lixo ou o alumeado senón que tamén está o acceso a internet de calidade.

O concelleiro Luís Pérez Barral explicou que “o acceso a internet é un dereito recoñecido pola ONU e debe ser garantido polas administracións públicas, sobre todo nun contexto no que a COVID-19 deixou patente a fenda dixital existente entre os veciños e veciñas que viven no rural, fronte aos que viven nos ámbitos urbanos”. Desde o BNG consideramos que non pode haber discriminacións, especialmente cando falamos da educación a distancia ou do teletraballo que moi probabelmente sexan cuestións recorrentes nos vindeiros meses.

Alén da fenda dixital por cuestións técnicas, “tamén hai que engadir a fenda dixital por cuestións económicas, xa que non todo o mundo pode afrontar o custe do acceso a internet, especialmente no rural onde o servizo é máis caro a pesar de ser de peor calidade” apuntou Pérez Barral.

Ante esta situación, o BNG esíxelle ao Concello de Ribeira que inste á Xunta, ao Goberno do Estado e ás compañías telefónicas a que fagan o despregamento da fibra óptica en igualdade de condicións a toda a veciñanza que carece dela na actualidade.

One Comment on “O BNG demanda que se dote ás zonas rurais de Ribeira de internet de calidade”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.