O BNG esixe solucionar os problemas detectados no sistema de saneamento en Mosqueiros e Areeiros

O BNG ribeirense rexistrou unha iniciativa no Concello de Ribeira na que demanda a actuación do goberno municipal para procurar unha solución aos problemas detectados na rede de saneamento ao seu paso polos núcleos de Mosqueiros e Areeiros.

O concelleiro, Luís Pérez Barral, argumentou que “desde o principio desta obra temos sido moi críticos coa infraestrutura da EDAR e das conducións que levan os residuos urbanos até a estación depuradora por iso apoiamos á veciñanza e fixemos traballo propio con alegacións e propostas alternativas”. Detallou Pérez Barral que en xuño do ano 2017 pediron que o aliviadoiro sito no río Listres puidera ser canalizado sen que provocase problemas de cheiros á veciñanza, nin problemas aos mariscadores do lugar. Desde 2017 até decembro do ano 2019 presentaron numerosas iniciativas para demandar solucións neste río polas verteduras, polos constantes movementos de area e falsas canalizacións do río que fixeron diferentes administracións sen que nada dese resultado.

Segundo declarou o voceiro, Xosé Vázquez Cobas, o 20 de febreiro do 2018 na acta de reunión de Seguimento de Incidencias Asociadas a Implantación e posta en marcha das instalacións da EDAR, a preguntas da representación veciñal, recóllese textualmente que “O Alcalde indica novamente que se solicitará esa autorización a Costas do Estado, dándolle prioridade coma mellor solución á canle natural”. Nas obras do remanente do mesmo ano figura o acondicionamento da canle do río Listres cunha dotación de 29.800€. Anos despois, cando se aproba a cesión de todo sistema EDAR ao concello, o BNG volve solicitar que se lle dea solución á canalización do río Listres. Para Vázquez Cobas “o desleixo do goberno local é total” pois “no medio quedan verteduras, escritos, iniciativas e protestas polo deterioro da desembocadura do río que chegan até o día de hoxe”.

Verteduras constantes nos Mosqueiros

Mais o problema non só se detecta no río Listres e nos Areeiros, na mesma parroquia de Castiñeiras existe un grave problema que provocou mobilizacións da veciñanza e a denuncia por parte do BNG ante o Seprona en agosto do ano 2016. Podemos cualificalo de “histórico punto de vertedura na praia dos Mosqueiros”. Alí seguen a se producir reboses de pluviais mesturados con augas fecais habendo documentos gráficos que así o demostran.

Para o BNG é intolerabel que o señor Ruiz Rivas ignore a realidade e lle minta á veciñanza dicindo que só se producen alivios de augas pluviais no canto de procurar solucións ao problema que se repite de maneira periódica nesta zona.  Estas declaracións son “de vergoña” para Vázquez Cobas e declarou que “non podemos máis que recriminar esta actitude máis propia de crianzas que tentan agochar o seu mal facer que de persoas responsábeis que deben procurar solucións ante os problemas sinalados”.

Ante os problemas citados, o BNG apela aos outros grupos da Corporación Municipal a apoiar esta iniciativa na que piden que o Concello de Ribeira realice as obras necesarias, de maneira prioritaria e urxente, para solucionar os problemas detectados no saneamento no río Listres e nos Mosqueiros que teñen incidencia no medio mariño, nas praias e no benestar da veciñanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.