O BNG demanda maior mantemento dos equipamentos públicos e a restauración do barco de Xarás

O BNG ribeirense presentou unha iniciativa na que demanda que o Concello de Ribeira elabore un plan para restaurar o barco situado na rotonda de Xarás. A restauración da embarcación serviría para deter o seu deterioro e mellorar o aspecto deste elemento que dá a benvida ao municipio.

Segundo o voceiro do Bloque, Xosé Vázquez Cobas, esta é unha mostra máis do desleixo do goberno local no coidado do patrimonio cultural e histórico que ten Ribeira. Vázquez Cobas asegura que este desleixo esténdese ao mobiliario urbano, parques infantís e áreas de lecer que presentan un estado de conservación insuficiente.

Desde o BNG temos recibido queixas da veciñanza pola situación na que se atopan os equipamentos públicos cuxo estado de conservación é deficiente. Cobas lembrou que a primeira medida que o Bloque presentou neste mandato e aprobada co voto a favor de toda a Corporación Municipal, foi un plan de mantemento de equipamentos públicos que polo momento o goberno do señor Ruiz foi incapaz de poñer en marcha.

Con respecto ao barco de Xarás, Cobas asegurou que “lle debería caer a cara de vergonza ao goberno por ter os bens públicos nese estado lamentábel sobre todo cando se atopan á vista de todas as persoas que chegan no verán”. O voceiro nacionalista contrapuxo esa actitude coa que ten a Confraría de Aguiño á que fixo unha mención especial, “agradézolle ao patrón maior e aos integrantes da confriaría a disposición mostrada para colaborar na restauración do barco”.

Para o BNG non é razoábel o mal estado no que se atopan os espazos e bens públicos e esixirán novamente que se poña en marcha o plan de mantemento anual proposto polo Bloque.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.