O BNG recrimina o escurantismo e a privatización da xestión da escola infantil

O BNG ribeirense mostra o seu malestar ante a decisión do goberno do Concello de Ribeira de sacar a licitación a xestión da Escola Infantil Municipal para o curso 2020-2021, que pode chegar até o 2024 coas sucesivas prórrogas.

O concelleiro Luís Pérez Barral, explica que a formación nacionalista “tivo que enterarse pola prensa do que supón manter a privatización da xestión até 2024”.

Pérez Barral recrimina que o goberno local non comunicase nin lle dese participación, nesta importante decisión, aos grupos da Corporación Municipal. O edil detalla que “sen dúbida, desde o BNG teriamos optado por ter unha xestión directa”.
A xestión directa redundaría nun aforro para as arcas públicas e lembran que con esta decisión unilateral e escurantista o Concello de Ribeira licita por 397.716,16 euros o contrato de xestión deste servizo público.

Pérez Barral anunciou que a Asemblea Local da organización analizará a situación e os pasos a seguir após coñecer isto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.