Aprobadas as mocións do BNG para garantir apoio ao sector do mar, hostaleiro e turístico

Resumo dos asuntos tratados na sesión plenaria celebrada o 22 de xuño de 2020:

Moción do BNG para demandar a rebaixa do IVE das máscaras: o voceiro, Xosé Antonio Vázquez Cobas, defendeu a necesidade de que a Corporación Municipal demande do goberno do Estado a rebaixa do IVE das máscaras. Desde o BNG entendemos que este produto sanitario vai ser unha necesidade a medio prazo, polo que consideramos unha necesidade reducirlle o IVE que pagamos todos os consumidores e consumidoras.

Vázquez Cobas, alén de defender a redución deste imposto, tamén fixo unha defensa da necesidade de que os gobernos da Xunta e do Estado apliquen medidas que permitan que toda a poboación teña posibilidade de adquirilas nas farmacias acorde á súa situación económica. Desde o Bloque propoñíase que toda a poboación puidese adquirilas coa tarxeta sanitaria igual que un medicamento a un prezo taxado.
Malia que as máscaras son un produto sanitario fundamental para evitar a propagación do coronavirus, PP e PBBI opuxéronse á proposta de garantir que toda a poboación poida ter máscaras dispensadas a un prezo asequíbel nas farmacias mediante a tarxeta sanitaria.
Aprobouse por unanimidade o punto de demandar a redución do IVE das máscaras.
O punto para garantir un reparto de máscaras a toda a poboación por parte do Sergas tivo os votos a favor de BNG, PSOE, SR e votos en contra de PP e PBBI.

Moción do BNG para garantir medidas de apoio ao sector do mar: no Bloque defendemos a necesidade de que o sector do mar poida acollerse a liñas de axuda específicas para garantir tódolos postos de traballo directos e indirectos.

O concelleiro Luís Pérez Barral, pediu ademais ampliar as axudas directas ás confrarías polas perdas de ingresos nas lonxas e o impacto nos postos de traballo así como unha campaña forte de promoción dos produtos galegos, a compra para comedores de centros públicos, a regularización dos prezos en orixe para evitar abusos e a trazabilidade.

“É o momento de apoiar sen tatexos ao sector do mar en Galiza. Reclamamos da Xunta de Galicia e Goberno central todas as axudas e todos os apoios posibles para garantir a súa viabilidade e o seu futuro pensando nun escenario de progresiva recuperación da actividade económica logo da crise da COVID-19” argumentou. Tratase dun sector absolutamente fundamental, estratéxico,e que crea moitos postos de traballo en toda Galiza, e Ribeira debe defender este sector.
Outra das reclamacións que consideramos importante nestes momentos de crise é a regularización dos prezos en orixe para evitar os abusos que se producen e as grandes diferenzas que hai entre orixe e os prezos finais en todos os produtos do mar. Así mesmo, facemos a petición do sector de poñer en marcha unha etiquetaxe da trazabilidade dos produtos galegos do mar, “xa que son produtos con bo cartel, boa imaxe e boa calidade”.

Aprobado cos votos a favor do PP, BNG, PSOE, SR e abstención do PBBI.

Moción do BNG para garantir medidas de apoio ao sector hostaleiro e turístico: a proposta defendida polo concelleiro Luís Pérez Barral aprobouse por unanimidade. Entre as medidas atopábanse demandarlle a Portos de Galiza que implemente a exención do pagamento das taxas portuarias polo exercicio de actividades económicas, comerciais, industriais e de servizos ao longo do ano 2020. Esta medida faríase extensíbel a chiringuitos de praia e empresas turísticas. Pérez Barral fixo fincapé en que moitos negocios hostaleiros pagan até 10 veces máis pola terraza por estar en terreos xestionados por Portos que se estivesen xestionados polo concello.

Os negocios víronse e, lamentabelmente, veranse prexudicados pola previsíbel redución do volume de clientela que terán este verán polo que consideramos que Portos debe deixar o seu afán recadatorio e bonificar as taxas para axudar ao tecido económico nesta grave crise.

Adxudicación contrato do Servizo de Axuda no Fogar: o Concello de Ribeira adxudica o servizo de axuda no fogar que presta desde o departamento de Servizos Sociais por un importe de 1.085.000€, por prazo dun ano e prorrogábel até un máximo de cinco. O concelleiro nacionalista, Luís Pérez Barral, defendeu a necesidade de camiñar cara á municipalización deste servizo. Malia todo, o prego de condicións proposto pola área de Servizos Sociais é correcto mais desde o Bloque propúxose incluír cláusulas sociais nas que se lle esixa á empresa concesionaria garantías como melloras nas condicións laborais ou salariais, sobre todo nun sector no que maioritariamente traballan mulleres. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e coa abstención de SR.

Rescate da concesión do aparcadoiro do Centenario: o Concello de Ribeira vai rescatar a concesión do aparcadoiro do Centenario. Desde o Bloque sempre se apostou pola remunicipalización do aparcadoiro do Centenario para poder poñelo con tarifas reducidas para toda a poboación e bonificacións para aquelas persoas que mercan no comercio local. Lembrámoslle ao Partido Popular que a privatización do aparcadoiro provocou o encarecemento dos prezos e un caos na xestión.

Aprobouse por unanimidade

Plan Económico Financeiro: o Concello de Ribeira tivo que asumir certos gastos a maiores derivado de diversos acordos plenarios no ámbito social, no ámbito cultural, melloras retributivas ao persoal público municipal, etc. o que fixo que se incumpra a regra de gasto que impuxo a lei “Montoro”. Devandita lei impídelle ás administracións públicas facer uso dos seus cartos de maneira autónoma polo que o BNG é moi crítico con esta medida, pois entendemos que nun momento como o actual, se a administración local se ten que endebedar para atender as necesidades sociais pois haberá que facelo.

Aprobado cos votos a favor de PP, abstencións de PSOE e SR e votos en contra de BNG e PBBI.

Outros asuntos:

Inicio da adxudicación de varios locais no mercado municipal para a súa explotación mediante concesión. Aprobado por unanimidade

Bonificacións do conservatorio municipal, para que o segundo membro da mesma unidade familiar matriculado no centro teña un desconto do 25% e o terceiro e seguintes un desconto do 50%. Ademais tamén se vai permitir facer os pagamentos fraccionados, unha demanda que o BNG sempre tivo con respecto ao pagamento das taxas e impostos. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.