O BNG esixe tomar medidas para mellorar a subministración da auga

Vázquez Cobas acusa ao goberno local de desleixo ao non controlar este servizo fundamental

O grupo municipal do BNG está recibindo nos últimos días a chamada de veciños e veciñas que se queixan polos problemas que teñen na subministración da auga potábel nas súas vivendas. O BNG ten coñecemento directo de problemas en Padín, García Bayón, Monumento, avenida de Ferrol no ámbito urbano, mais tamén hai problemas en Castiñeiras, Ameixida Martín ou en diversas zonas de Aguiño como na rúa Celeiráns, Muralla, Rascacú, etc.

O voceiro da formación, Xosé Vázquez Cobas, asegurou que “está habendo un rosario de problemas con rupturas na rede de abastecemento, baixadas de presión e mesmo cortes de subministro durante horas”. Esta situación non é un feito illado e puntual, senón que se repite “un día si e outro tamén en moitas zonas da cidade e das parroquias ante un goberno municipal inmóbil que non toma cartas no asunto para tentar resolver a situación” asegurou.

Desde o BNG rexistraron unha serie de preguntas para esixir que o señor Ruiz pase da “inmobilidade” a tomar as seguintes medidas: esixir da empresa concesionaria que realice as melloras necesarias para evitar a baixada de presión nos fogares, eviar os cortes na subministración ou as rupturas da rede que nalgúns puntos son reiteradas e causan importantes trastornos na veciñanza. Vázquez Cobas asegura o desleixo do goberno fai que a empresa poida estar a incumprir co contrato sen ningunha consecuencia, polo que instan a que se revise o cumprimento das condicións. 

Por último desde o BNG queremos lembrar que a subministración da auga é un servizo esencial que nunca debeu ser privatizado, polo que traballaremos para que unha vez remate a concesión en 2024, o servizo pase a ser prestado directamente por parte do concello. “Sería bo para a prestación do servizo, para as arcas municipais e sen dúbida unha mensaxe de que os servizos fundamentais deben ser públicos” concluíu Cobas.

One Comment on “O BNG esixe tomar medidas para mellorar a subministración da auga”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.