Ribeira aproba o Orzamento 2020 centrado na loita contra a crise provocada polo coronavirus

A asemblea do BNG analizou o Orzamento do Concello de Ribeira para 2020 e debido á situación social, económica e laboral que se vive por mor da crise provocada polo coronavirus decidiu apartar as diferenzas e procurar amplos consensos que sexan beneficiosos para a veciñanza. Malia isto, tamén hai eivas importantes que nos fan ser críticos e críticas, neste sentido a seguir repasaremos as principais carencias e as medidas positivas nas que o BNG traballou arreo para que fosen unha realidade ou se comprometeu con entidades, veciñanza e colectivos.

O orzamento, debatido nunha sesión extraordinaria, ascende a 24.361.172 de euros e tivo os votos a favor de PP e PSOE, en contra de PBBI e abstencións de BNG e SR.

Ámbito económico

A precariedade laboral, económica  e a temporalidade  que padece a poboación ribeirense vese reflectida nos postos de traballo precarizados e que lles custa chegar a fin de mes.
Por primeira vez aparece reflectida unha achega de 50.000€ para a redacción do proxecto de polígono industrial de Ribeira. Desde o BNG somos moi críticos coa nefasta xestión que o PP fixo e fai pois demostra unha incapacidade de crear, dunha maneira áxil, un polígono industrial onde asentar empresas. Despois de moitos anos (máis de 25) de  marear a perdiz e de procurar emprazamentos errados, vaise redactar un proxecto para localizado no lugar onde propoñía o BNG, pois era o máis axeitado.

Alén do chan industrial, o Concello de Ribeira segue sen contar cun plan de emprego. O BNG leva esixindo esta medida durante anos e a día de hoxe Ribeira carece dun verdadeiro plan de emprego que conteña un estudo rigoroso que detecte as carencias, problemas, oportunidades e cara a onde debemos ir para que Ribeira reduza as súas cifras de desemprego, precariedade e emigración sobre todo da mocidade. Nun contexto como o actual, sería de grande axuda para poder axudar ás pequenas e medianas empresas.

Para o goberno do señor Ruiz pode  que contratar socorristas, técnicas/os de turismo, peóns de brigadas contraincendios, auxiliares de policía… sexa suficiente, mais non para o BNG. Queremos ser máis ambiciosos e non abonda con camuflar as necesidades reais que teñen os servizos públicos coa contratación temporal destas persoas.

Quixeramos facer especial mención ao sector comercial, hostaleiro e turístico nun momento como este no que a crise económica provocada polo coronavirus lles está impactando de maneira intensa. Consideramos que se deben implementar medidas específicas,  para axudar a estes tres sectores fundamentais para o concello que vaian máis aló das feiras de oportunidades. Garantir un fluxo de persoas nas rúas contribuirá á dinamización comercial e por iso tal e como propuxemos no Plan Reactiva Ribeira, débese ampliar a oferta cultural e de ocio no exterior de maneira coordinada coa asociación de comerciantes de Ribeira.

Ámbito social

Cremos fundamental o incremento na Area Social que acada un total de 2.054.000€ . As  axudas para familias vulnerábeis, emerxencia social, as extraordinarias para afectados da COVID-19 incrementanse  nun 206%  emerxencia social con 185.000€ máis que no 2019. Desde o Bloque sempre se defendeu que as necesidades da xente deberían ser o primeiro, por iso o valoramos positivamente. Igualmente pasa cos aumentos para a dependencia, e as (3.630 horas a maiores) para a axuda no fogar aumentando o gasto total até os 910.627€.

Seguiremos vixiantes para habilitar, se fose preciso, máis fondos para esta area e especialmente para axudas a emerxencia social.  No BNG estamos a disposición da veciñanza e do concello para axudar  no que sexa preciso, porque non se pode deixar que as persoas e colectivos máis vulnerábeis fiquen atrás nin que paguen as consecuencias da crise sanitaria. 

Turismo

Lamentamos que non exista unha política clara e definida de cara a onde se quere camiñar nin que tipo de turismo se quere atraer. Con respecto ao medio natural (Illas Atlánticas e Parque Natura de Corrubedo) está completamente abandonado. O parque leva moitos anos sen contar cos documentos reitores e de xestión que tanta falta fan para que a veciñanza poida empregar os seus terreos. É prioritario que os investimentos que se realicen no parque teñan tamén como beneficiar@s a propietari@s de terreos do interior do parque natural, para que vexan que o parque natural é un beneficio e non só restricións.

Ademais do anterior, a  COVID-19 vai mudar o turismo e Ribeira debe contar con políticas definidas que fagan posíbel outro tipo de turismo máis aló do sol e praia. O Concello de Ribeira debe traballar para desestacionalizar o turismo, ampliar a oferta de actividades de aventura, de turismo de natureza, as actividades deportivas e un longo etc. como medida de atraer visitantes durante todo o ano e polo tanto, dinamizar a economía, reforzando a idea de que Ribeira é un lugar seguro para a saúde das persoas.

Transporte público e estacionamentos

O transporte público debe ser unha prioridade. O programa proposto polo Bloque e implementado en Ribeira para rebaixar o prezo do autobús tivo un grande éxito, pero debemos seguir ampliando os servizos que se prestan como é o transbordo para evitar que as persoas usuarias do bus, paguen dous billetes cando viaxen dunha parroquia a outra. A estación de autobuses debe facerse canto antes para evitar que as persoas permanezan á intemperie, foi unha grande demanda da veciñanza e nós defendemos a súa construción. 

Non nos esquecemos do transporte privado, porque somos conscientes que tamén é preciso dar alternativas para o estacionamento. Desde o BNG apostamos por remunicipalizar o aparcadoiro do Centenario. Cremos que se debería converter nunha infraestrutura pública de xestión directa para poder poñermos tarifas reducidas e aplicar bonificacións especiais para aquelas persoas que mercan nos comercios de Ribeira, esta si sería unha aposta polo noso comercio de proximidade e tamén resolvería os problemas de estacionamento que Ribeira padece. Esiximos o remate dun segundo aparcadoiro disuasoiro nas Avesadas.

Modelo de cidade

A pandemia provocada polo coronavirus non pode servir de desculpa para abandonar o modelo de cidade onde as persoas sexan o centro da vida e dos espazos. Non debe esquecer que con rúas estreitas e coches pasando a rentes das persoas non hai distancias de seguridade nin cidade amábel nin  cómoda para vivir. 

Así o fai o BNG alá onde goberna e dá uns resultados excelentes. Neste sentido cremos que os investimentos que se realicen deben seguir promovendo altos estándares de habitabilidade e confortabilidade para a veciñanza. Debemos seguir aumentando os espazos para as persoas, por iso esiximos que a reforma da rúa Rosalía de Castro se complete canto antes. Lembre señor Alcalde, que vostede incumpriu coa demanda que lle fixeron os propios comerciantes e o BNG de querer facer a reforma da rúa ao completo, unha medida que traería beneficios socias e económicos para os negocios. Esiximos ademais que nas reformas de rúas e estradas que se realicen se contemple sempre a instalación de árbores que permitan reverdecer a cidade.

Transparencia

Con respeto a transparencia, dende o BNG volvemos a recriminar, compo xa fixemos outras moitas veces, hai máis de 430.000€ nese caixon de sastre que é o epígrafe de Estudos e Traballos Técnicos. E esta opacidade impide o labor de fiscalización.

Obras e investimentos

Valoramos positivamente a inclusión de obras e actuacións demandadas pola veciñanza levadas a pleno polo BNG: a reiterada demanda do BNG  da nova biblioteca municipal cun investimento de 453.000€, a construción do Club de Remo e deportes náuticos cun investimento de 850.000€, o remate do Centro Social de Carreira por valor de 82.000€, reforma da praza da Amarella 58.000€, reforma da rúa Romero Ortiz 164.000€ ou diversas melloras no alumeado público.

 

Na sesión plenaria tamén se debateron os seguintes temas:

 

- Auditorio de Ribeira: aprobouse o expediente para contratar as obras do novo auditorio de Ribeira e adecuación do entorno. O valor polo que sae a licitación esta infraestrutura ascende a 3.649.000€. O futuro edificio contempla un espazo para acoller a máis de 450 persoas, locais de ensaio, sala polivalente de ata 120 persoas de capacidade, almacén, control técnico, camerinos e gardarroupa.
Votos a favor de PP, PSOE, BNG e votos en contra de PBBI e SR.

- Plan Reactiva Ribeira: aprobouse por unanimidade o plan para facerlle fronte ás consecuencias sociais e económicas que trae esta pandemia. O BNG quixo deixar constancia de que se poñen por diante os intereses da veciñanza de Ribeira para aprobar un plan integral que axude a crear emprego, potenciar as pequenas empresas e qué ningunha persoa fique atrás.

O Plan Reactiva Ribeira foi asinado por PP, BNG, PSOE, SR e apoiado pola Asociación de Empresari@s de Ribeira, Confraría de Ribeira, Confraría de Aguiño, Lonxa de Ribeira, Asociación Española contra o Cancro, Amas de casa, Caritas , Ice Renovación e partidos sen representación municipal; IPR, C’s e CxG.

Máis información aquí: Plan Reactiva Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.