O BNG insta ao SERGAS a dotar de persoal suficiente os centros de saúde de Ribeira

Pérez Barral pediralle á Corporación Municipal que apoie unha proposta para demandar máis recursos materiais e persoal suficiente

A Corporación municipal do Concello de Ribeira debe estar comprometida coa defensa da sanidade pública e preocupada pola situación en que se atopa este servizo público tanto no noso concello como da Área de Saúde á que pertencemos argumentan os nacionaistas ribeirenses.

O concelleiro Luís Pérez Barral, asegura que “o deterioro faise máis evidente debido á política sanitaria do actual goberno da Xunta de Galiza”. Segundo Pérez Barral esa política está baseada nos recortes de recursos e orzamento, no desmantelamento de hospitais comarcais, no abandono dos centros de atención primaria, na ocultación e manipulación das listas de espera, na precarización e explotación do persoal, recorte  de  camas hospitalarias, privatización e externalización de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados, desatención clamorosa da saúde mental, etc. “Estas políticas levan a sanidade pública a un punto de difícil retorno” lamenta o edil.

A pandemia provocada pola COVID-19 está demostrando, en maior medida, as eivas que presenta o sistema público de saúde por mor de todas as actuacións anteditas. Sabendo que o sistema de atención primaria é unha peza chave para evitar o colapso do sistema hospitalario, non debemos deixar pasar por alto a falta de recursos e persoal que padece. No Concello de Ribeira, rexístranse problemas de persoal nos centros de saúde, chegando ao punto de quedar sen persoal médico os centros de Corrubedo e Palmeira para poder concentrar o persoal no de Ribeira.

Desde o BNG cremos que diante dunha situación así a Corporación Municipal debería esixir do goberno da Xunta de Galiza que aumente o persoal dos centros de saúde para evitar situación como as que se están dando. Pérez Barral denuncia que “non é razoábel que haxa centros que carezan de persoal médico para poder dotar suficientemente o centro de saúde de Ribeira, pois con esta actuación quen paga as consecuencias é a veciñanza das zonas rurais”.

Consideramos necesario que, como membros da Corporación Municipal e representantes do conxunto da cidadanía, indistintamente da forza política á que pertenzamos, deberiamos traballar conxuntamente para que no noso concello e na Área Sanitaria se poida dispor duns servizos sanitarios públicos de calidade.

Por estes motivos o BNG demandará do SERGAS e do goberno galego a:

1. Paliar a carencia de recursos materiais e de persoal da área sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación.

2. Adecuar os orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais do nosos Centros de Saúde e dotalos do persoal necesario para garantir una atención accesíbel e de calidade.

3. Cesar a política de desmantelamento nos servizos sanitarios da nosa área sanitaria.

4. Revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.

Pórlle fin á política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral.

One Comment on “O BNG insta ao SERGAS a dotar de persoal suficiente os centros de saúde de Ribeira”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.