Aprobado o Plan Reactiva Ribeira por amplo consenso da Corporación e entidades sociais

Hoxe os grupos da Corporación Municipal (PP, BNG, PSOE e SR), asinaron o Plan Reactiva Ribeira para facerlle fronte ás consecuencias sociais e económicas que trae esta pandemia. Coa sinatura o BNG quere deixar constancia de que se poñen por diante os intereses da veciñanza de Ribeira para aprobar un plan integral que axude a crear emprego, potenciar as pequenas empresas e qué ningunha persoa fique atrás.

No acto, alén dos partidos citados estiveron presentes e apoian o Plan; Asociación de Empresari@s de Ribeira, Confraría de Ribeira, Confraría de Aguiño, Lonxa de Ribeira, Asociación Española contra o Cancro, Amas de casa, Caritas , Ice Renovación e partidos sen representación municipal; IPR, C’s e CxG.

Aquí vos queremos deixar algunhas das contribuciósn que o BNG fixo ante este Plan e se recollen dalgunha maneira. Tamén vos poñemos o Plan Completo.

>> Plan Reactiva Ribeira Completo

Propostas feitas polo BNG en versión esquemática:

Medidas fiscais e tributarias

  • Taxas pola ocupación do dominio público por mesas, cadeiras e demais concesións.
    Esta exención do pagamento debe ser durante o período que dure a declaración do estado de alarma e o desconfinamento progresivo. Ampliación de espazos respectando a distancia de seguridade de dous metros do paso dos peóns.
    As zonas cuxa recadación corresponde a Portos de Galiza terán as mesmas normas.

  • Propoñemos estudar todas as vías legais para establecer bonificacións de taxas e impostos locais a familias en situación de vulnerabilidade e/ou que sufriron ERTE durante o estado de alarma.

  • Compensación das taxas que cobran Portos de Galiza e Costas del Estado á actividade económica.
    Pedimos que Portos de Galiza estude e implemente todas as vías legais para poder eximir ás empresas do pagamento de taxas portuarias polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos durante o tempo que estiveron fechadas pola declaración do estado de alarma. Tamén queremos que se aplique unha exención de taxas por amarre de embarcacións de empresas turísticas. Por outra banda e con respecto aos establecementos temporais que se instalen nos areais, instaremos á Xunta e a Costas a aplicar unha bonificación ou redución das taxas pola baixada que terán dos ingresos neste ano atípico no que apenas haberá fluxo turístico.

  • Mobilidade
    Para facilitar a mobilidade entre as parroquias  e fomentar o transporte público nun momento no que, polo efecto da pandemia da COVID-19, é de prever unha diminución do seu uso debe implementarse de maneira inmediata o transbordo para as persoas usuarias do bus. Esta medida implica un aforro considerábel de cartos para as persoas que se desprazan entre parroquias.No ámbito da mobilidade, debe ser unha prioridade  a construción da nova estación de autobuses, cuestión que as persoas usuarias do transporte público como desde o BNG levamos demandando durante anos.Debemos fomentar mediante unha campaña e con medidas específicas o uso da bicibleta como elemento de mobilidade sustentábel e cómodo. Neste sentido, consideramos que se con pequenos investimentos podemos mellorar o seu uso. Mellora da infraestrutura, sinalización, aparcadoiros céntricos ou posta en marcha dun servizo de alugueiro de bicis.

  • Medidas dirixidas ao comercio local

    • Fomento da formación e das políticas activas de emprego.
      Desde o BNG entendemos que, ante unha situación de crise económica como a que se vive e vivirá após remita a crise sanitaria, non debe ser unha prioridade gastar a contía de 50.000€ na promoción do lema #EURibeira cuxo fin é popularizar o novo logo do concello.
      Os 50.000€ que se destinan a este apartado deben ser destinados a investimentos produtivos que redunden no emprego polo que propoñemos a súa eliminación ou, cando menos, minoración e destinalos a políticas activas de emprego e formación.

    • Inclusión do comercio local de Ribeira nunha plataforma de venda online.
      Desde o BNG consideramos que unha experiencia de éxito como a que está realizando DeanShop pode traer beneficios para o comercio local ribeirense. Entendemos que habendo esta plataforma que xa opera con éxito, podería aproveitarse a súa infraestrutura e tentar unir nela os comercios e negocios de Ribeira que desexasen vender por internet. Entendemos que se os comercios da nosa localidade se adhiren a esta plataforma reduciríanse custos.

    • Habilitar horas gratuítas nos aparcadoiros soterrados e ampliación de horas na zona azul.
      Desde o BNG propoñemos que as persoas que consuman e merquen no comercio local poidan ter un tempo gratuíto e/ou bonificado nos aparcadoiros soterrados.
      Con respecto á zona azul propoñemos que se amplíe ata chegar ás dúas horas fronte os noventa minutos actuais. Isto pode redundar en beneficio do comercio local ao ter a xente máis tempo para realizar as súas compras e consumicións.

    • Protección para o comercio e hostalaría locais.
      Propoñemos destinar unha contía económica para dotar a cada negocio dun estoxo de protección e prevención.

    • Formación para persoas desempregadas ou en situación de ERTE.
      Desde o BNG entendemos que nos cursos de formación e políticas activas de emprego  as persoas desempregadas e afectadas por ERTES deben ter prioridade na realización de cursos formativos.

    • Medidas de promoción do emprego

      • Formación para persoas desempregadas ou en situación de ERTE.
        Reiteramos que, desde o BNG, hai que darlle prioridade nos cursos de formación e políticas activas de emprego ás persoas desempregadas e afectadas por ERTES fronte a incorporación masiva de persoas empadronadas no municipio.

      • Contratación de dúas persoas operarias para a realización e posta en práctica do Plan de Reverdecer Ribeira proposto polo Bloque Nacionalista Galego e aprobado no Pleno da Corporación Municipal.

      • 4. Medidas de promoción economica

        • Condicionamento das axudas á continuidade da actividade no tempo.
          Desde o BNG demandamos que se establezan liñas de axuda aos pequenos autónomos e persoas afectadas por ERTE tendo especial coidado na figura do falso autónomo/a. Consideramos que se a achega a partida económica se debería incrementar e, no caso de que haxa que endebedarse, estudar todas as medidas posíbeis para poder aumentar estas axudas.Consideramos que se deberían habilitar dúas liñas diferenciadas de axuda; unha para garantir a liquidez das persoas autónomas e PEMES que precisan cartos para facerlle fronte ás súas obrigas e, unha segunda liña destinada a investimentos produtivos na mellora dos seus negocios.
          Con esta proposta estaríase garantindo a liquidez por parte das pequenas empresas que o precisan e, por outra banda, estaríase fomentando o investimento produtivo na mellora dos negocios o que movería a economía local xerando riqueza e sinerxías positivas.

        • Por outra banda habería que establecer, antes da súa aprobación, unhas bases claras para estudar que colectivos e persoas se poderían beneficiar das axudas habilitadas.

        • Protección social

          • Desde o BNG demandamos establecer as partidas económicas necesarias para cubrir todas as necesidades que detecte o departamento de Servizos Sociais.
            Consideramos unha prioridade atender a dependencia e o servizo de axuda no fogar por atender ás persoas maiores e máis vulnerábeis.

          • Medidas de fomento da obra pública

            Esta pandemia mostrou que o camiño emprendido de facer unha cidade peonil, verde e máis accesíbel para as persoas é o modelo máis acaído e sustentábel. Por iso compre profundar nel, sen vacilacións,  na súa consolidación e mellora polo que propoñemos:

            A) Rematar a implantación do control de acceso de vehículos a zonas peonís e garaxes.
            B) Executar as peonalizacións e semipeonalización pendentes e acordadas pola Corporación Municipal.
            C) Acometer a reordenación do tráfico na zona do Monumento a proposta do BNG e aprobada polo Pleno da Corporación Municipal.
            D) Realizar a construción da nova estación de autobuses.

            Innovación tecnolóxica

            • Propoñemos destinar unha pequena partida económica a implementar o teletraballo ou traballo a distancia para persoal municipal.

            • Demandamos a eliminación do gasto de 263.000€ previsto para a renovación da web do Concello de Ribeira e da creación dunha aplicación de móbil, entre outras accións, por considerar que é un gasto non prioritario e desorbitado.
              Desde o Bloque propoñemos que se redirixa esta partida a axudar ao comercio, á hostalaría, ás empresas turísticas e ao fomento do emprego e da formación presencial e a distancia.

            • Medidas Preventivas

              • Reparto de máscaras se for preciso por urxente necesidade, comezando polas persoas de maior risco.

              • Deixar un fondo destinado a un posíbel rebrote da pandemia dun mínimo de 100.000€.

              • Medidas Culturais

                • Reaxendar todos os actos culturais que xa estaban contratados e que non se puideron realizar durante o estado de alarma (non cancelación).

                • Prioridade a grupos e compañías culturais locais na contratación de eventos posteriores ao estado de alarma. 

                • Discriminación positiva ao sector cultural.
                  Desde o BNG propoñemos que se realicen actividades de fomento do libro, actividades artísticas, artesanais e culturais no noso concello. Ademais pedimos que se faga en coordinación coa Asociación de Empresarios e Empresarias de Ribeira co fin de que estas actividades supoñan un maior fluxo de persoas nas rúas e teña un impacto económico nos establecementos comerciais da nosa vila.

                • One Comment on “Aprobado o Plan Reactiva Ribeira por amplo consenso da Corporación e entidades sociais”

                  Deixa unha resposta

                  O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

                  Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.