O BNG propón compensar as taxas de Portos e Costas á industria, hostalaría e empresas turísticas

Pérez Barral: “Portos debe deixar a un lado o seu afán recadatorio e achegar o seu gran de area nesta crise” 

No BNG temos claro que o primeiro obxectivo nesta crise sanitaria debe ser parar o aumento dos contaxios para evitar as posíbeis perdas humanas que a COVID-19 está a provocar. Mantemos unha posición responsábel desde o primeiro momento poñéndonos ao servizo do pobo galego e cunha lealdade institucional para colaborar en todo o necesario para poder conter a propagación da pandemia.

O concelleiro Luís Pérez Barral argumenta que todas as administracións teñen que poñer o seu gran de area para paliar as consecuencias sociais e económicas que vai provocar o período de parálise tan longo e extraordinario na historia recente por mor do coronavirus. “As persoas e colectivos produtivos máis vulnerábeis non poden ficar atrás nin pagar as consecuencias da crise sanitaria” aclarou. Para contribuír a ese propósito, o BNG está facendo propostas que buscan evitar a perda de emprego, en sectores chave como son a industria, a hostalaría e o turismo. 

Ribeira ten un borde litoral de grande tamaño e unha parte dese territorio está xestionado por Portos de Galiza e outra parte pola Xunta e por Costas del Estado. Estas administracións son responsábeis da xestión das actividades económicas que se desenvolven nese terreo. En base a isto, en Ribeira e nas súas parroquias existen zonas nas que Portos de Galiza aplica unhas taxas pola instalación de empresas, terrazas ou polo amarre de embarcacións destinadas ao transporte turístico de pasaxe, mentres que a Xunta de Galiza xunto con Costas del Estado comparten a responsabilidade de lexislar e aplicar os cobramentos a establecementos como os chiringuitos de praia.

A crise sanitaria e a declaración do estado de alarma provocou un maior impacto na hostalaría e nas empresas turísticas do municipio pola obriga de fecharen. Desde o BNG pretendemos que as administracións eximan do pagamento das taxas durante o tempo que as empresas industriais, hostaleiras e turísticas que estiveron pechadas. Para Pérez Barral, todos estes negocios víronse e, lamentabelmente, veranse prexudicados pola previsíbel redución do volume de clientela que terán este verán polo que “Portos debe deixar o seu afán recadatorio e bonificar as taxas das terrazas que pagan os bares ou os amarres que pagan as empresas turísticas” exemplificou.

Pedimos que Portos de Galiza estude e implemente todas as vías legais para poder eximir ás empresas do pagamento de taxas portuarias polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos durante o tempo que estiveron fechadas pola declaración do estado de alarma. Tamén queremos que se aplique unha exención de taxas por amarre de embarcacións de empresas turísticas.
Por outra banda e con respecto aos establecementos temporais que se instalen nos areais, instaremos á Xunta e a Costas a aplicar unha bonificación ou redución das taxas pola baixada que terán dos ingresos neste ano atípico no que apenas haberá fluxo turístico.

O BNG continuará achegando propostas

Pérez Barral finalizou informando de que o BNG continúa traballando na elaboración de propostas en positivo que poidan paliar as consecuencias que provoca esta pandemia. “Mantemos o contacto aberto cos colectivos sociais e económicos do municipio e estamos realizando reunións e xuntanzas virtuais para escoitar as súas demandas”.

One Comment on “O BNG propón compensar as taxas de Portos e Costas á industria, hostalaría e empresas turísticas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.