O BNG propón compensar as taxas municipais aos colectivos afectados polo coronavirus

Pérez Barral: “estamos a disposición da veciñanza e do concello para axudar no que sexa preciso, é hora de arrimar o ombreiro”

O primeiro obxectivo nesta crise sanitaria debe ser parar o aumento dos contaxios para evitar máis perdas humanas que a COVID-19 está provocando no país. Desde o BNG “mantemos unha posición de responsabilidade na que nos puxemos, desde o primeiro momento, ao servizo do pobo galego e de lealdade institucional para colaborarmos en todo o necesario na contención da pandemia” asegura o concelleiro Luís Pérez Barral.

Pérez Barral considera que “tan pronto remita a propagación do virus será hora de poñer en marcha medidas destinadas a paliar as consecuencias sociais e económicas que vai provocar este período de parálise tan longo e extraordinario que estamos a vivir na historia recente. O edil nacionalista estima que a administración local por ser a máis próxima á veciñanza, debe ser das primeiras en tomar decisións, “o concello non pode ficar parado, debe arrimar o ombreiro e dar solucións”. Segundo detallou, a proposta presentada polo Bloque vai dirixida a non deixar que as persoas e colectivos produtivos máis vulnerábeis fiquen atrás nin paguen as consecuencias da crise sanitaria.

Desde o BNG propoñemos que Concello de Ribeira estableza todos os mecanismos que sexan necesarios para condonar ou compensar o recibo de lixo, auga e saneamento aos colectivos que se viron afectados pola parálise da actividade económica e/ou viran reducidos os seus ingresos nunha contía igual ou maior do 50%.

Por outra banda contemplamos un paquete de medidas destinado ao colectivo de persoas autónomas, polo que pretenden que o Concello de Ribeira inste á Xunta de Galiza a establecer liñas directas de axuda, dirixidas ás persoas autónomas que tivesen a obriga de pechar o seu negocio ou que pola paralización da actividade económica vise reducidos os seus ingresos nunha porcentaxe igual ou superior ao 50%. Ademais esta liña de axudas debería ser compatíbel con outras destinadas a este colectivo. Tamén esiximos que as persoas autónomas teñan unha exención da cota de autónomos durante tres meses para afrontar con menor dificultade a parálise da actividade económica e a falta de ingresos.

Por último demandamos que se inste ao Estado e á Xunta a reduciren a tramitación burocrática das axudas e piden crear un servizo de asesoramento municipal no que os colectivos afectados pola crise sanitaria poidan recibir información sobre as liñas de axudas ás que poden optar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.