Día histórico: o concello acata o topónimo de Ribeira con B

O BNG celebra que o traballo de sociedade e institucións logre restablecer o topónimo de Ribeira

Pérez Barral: “hoxe deixamos atrás un capricho absurdo e restauramos o topónimo lexítimo de Ribeira”

No día de hoxe, 3 de marzo de 2020, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, o director do Seminario de Onomástica e Toponimia, Antón Santamarina, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, estiveron hoxe coa Corporación Municipal para presentar o informe no que se conclúe que o topónimo de Ribeira ten como única forma lexítima a escrita con be.
Ese informe será acatado polo Concello de Ribeira e desde hoxe rematará o conflito e non se deturpará máis escribindo *Riveira.

O BNG ribeirense mostra a súa felicidade nun “día histórico” que ficará marcado no calendario pois, tras anos de disputa e de rebeldía por parte dos gobernos da dereita, o topónimo de Ribeira volverá á súa forma orixinal e lexítima. Os concelleiros Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral, amosaron a súa satisfacción porque “hoxe constátase que a presión do movemento social a favor de restituír a forma lexítima de Ribeira, xunto coas iniciativas realizadas polo BNG ao longo dos últimos anos e os requirimentos de diversas institucións e asociacións, dá froito e provoca un cambio histórico”.

Pérez Barral declarou que “isto é un logro da razón fronte os caprichos irracionais duns poucos” e humildemente puxo en valor todas as iniciativas realizadas polo Bloque no concello, no Parlamento de Galiza, no Valedor do Pobo e en Política Lingüística que contribuíron co seu gran de area a denunciar esta situación que hoxe pon punto e final. Luís Pérez Barral, concluíu “é un día de alegría porque desde hoxe é para sempre, Ribeira será con be”

Desde o Bloque estaremos vixiantes para que se inicie dun xeito progresivo, o cambio das formas deturpadas e se empregue a forma correcta. Os nacionalistas tamén denunciaron que durante estes anos o señor Ruiz gastase cartos públicos en instalar letreiros coa forma deturpada sen importarlle que estivese atacando a lingua galega e incumprindo a lexislación vixente.

Aquí vos deixamos a ligazón con algunhas das diversas iniciativas do BNG con respecto ao topónimo ao longo dos últimos anos.

Informe Real Academia Galega – Topónimo Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.