Aprobada a cesión da EDAR ao Concello de Ribeira

A cesión foi aprobada cos votos a favor de PP, PSOE, as abstencións de BNG, SR e os votos en contra do PBBI.

A seguir reproducimos a intervención do edil, Luís Pérez Barral, que detallou o posicionamento do Bloque neste asunto:

Volve a pleno un asunto de vital importancia no noso municipio como é a depuración das augas residuais e o sistema de saneamento.  Dicía noutras intervencións a respecto deste mesmo tema que para o BNG é algo prioritario, que Ribeira conte co necesario saneamento integral das súas augas residuais é algo funamental, mais tamén entendemos que non se pode facer de calquera xeito, senón respectando e potenciando toda a riqueza e patrimonio do seu entorno.

O sistema que hoxe está implantado nunca tivo o apoio do BNG, nunca, porque sempre fomos defensores e defensoras doutro modelo diametralmente oposto ao que presentou o Partido Popular. Tamén pedíamos unha depuradora específica para o polígono de Xarás cuestión que en 2008 conseguimos na Xunta e que vostedes non foron quen de executar e hoxe como di a auditoría hai verteduras constantes. O noso modelo era construír depuradoras máis pequenas e distribuídas nas valgadas naturais do territorio e unha destinada a residuos industriais tal e como recomenda a Unión Europea. Este modelo implicaría un menor custo de bombeos ao non ter que trasladar os residuos durante 13 kms e 7 tanques de tormenta. Quero lembrar que estamos en 2019 e aínda seguimos sen depuración específica para os residuos industriais e mesmo existen alivios deses residuos á rede e ao mar tal e como constata a auditoría da Xunta.

Malia que o BNG sempre optou por outro modelo foi o único grupo que presentou alegacións ao proxecto feito polo Partido Popular e que este coa súa maioría absoluta rexeitou. Esta decisión tamén foi respaldada e apoiada naquel momento por membros que hoxe integran o PBBI pois eran membros do Partido Popular e apoiaban sen miramentos todas e cada unha das decisións nas que se dicidiu construír este sistema que hoxe implica problemas e un tarifazo cunha suba inicial de preto de 100€ para a veciñanza, polo tanto son cómplices do que hoxe está acontecendo por moito que queira ocultalo baixo un voto en contra.

Pois ben, agora traen vostedes unha cesión da depuradora, que non da rede xeral de bombeos e tanques que esa sempre vai ser de xestión municipal, que ten que garantir un correcto funcionamento das augas residuais e no BNG queremos que sexa así polo ben da veciñanza.

Sen dúbida o BNG defende que xestión debe ser municipal e, chegado o seu momento, facer a xestión directa.
Sabemos que a emenda que fixemos desde o Bloque no pasado mes de agosto na que pedíamos a realización de dúas auditorías independentes para verificar o correcto funcionamento da EDAR e do sistema foi fundamental para que se analizase o funcionamento da EDAR e dos bombeos. Sen ese traballo feito, hoxe non sería posíbel contar coa extensa auditoría da Xunta e a que apenas puidemos ler do concello por presentala hai unhas poucas horas.

No Bloque defendemos sempre que a auditoría debía ser presentada publicamente ante a veciñanza, grupos municipais mais tamén deberiamos tela os grupos con tempo suficiente para poder lela e estudala con detemento e iso non foi posíbel.
Ademais, constatamos que existen certas obras que, malia non depender directamente da EDAR si teñen moita relación no correcto funcionamento da propia estación depuradora. Debe facerse a pertinente separación das augas de Xarás para evitar que vaian á rede de tratamento de residuos urbanos e tamén consideramos que se deberían facer máis controis para verificar se as empresas do polígono depuran as súas augas.
Por outra banda, como ben recoñece vostede mesmo señor Ruiz, as infiltracións de auga do mar, inflúen negativamente no funcionamento da EDAR e é algo que se debe atallar se non queremos estar gastando enerxía eléctrica que logo paga a veciñanza, en bombear auga do mar.

Polo tanto e para rematar, quero recalcar que o BNG quere que a xestión sexa municipal porque é o mellor para a veciñanza de Ribeira tamén para controlar unha infraestrutura vital para o noso medio mariño, mais non podemos aceptala a calquera prezo e tendo cuestións importantes pendentes.

 

Taxa da EDAR. As alegacións do Bloque permiten unha rebaixa nos recibos da veciñanza e negocios

O custe da EDAR vai ser de 1.107.549€ algo que é inasumíbel para a administración local mais tamén non pode pagar a veciñanza de Ribeira o nefasto sistema que escolleu o PP no seu día.

A estrutura de gastos implicaríalle á veciñanza de Ribeira unha suba inicial de 97€ ao ano, unha cantidade que no BNG consideramos totalmente insostíbel para as economías da clase traballadora e por iso fixemos traballo e presentamos as alegacións oportunas para rebaixar esa escandalosa cifra.

Entendemos que non é posíbel rebaixa nos custes de mantemento ao se incluíren os salarios do persoal, cuestión a ter en xa que desexamos garantir unhas condicións laborais e un salario digno para o persoal que se encargue da depuradora.
Por outra banda, os custes de mantemento e asociados a medios externos, tampouco se deben reducir ao estar incluídos nestes apartados as limpezas periódicas necesarias para evitar cheiros e que o sistema deixe de funcionar. O mantemento debe ser un dos puntos clave posto que un mal coidado da infraestrutura causará problemas á veciñanza e tamén ao medio natural.

Xa que logo e en base ao anteriormente detallado, unha das posibilidades para rebaixar o custe que terá a infraestrutura para a veciñanza de Ribeira é atallar unha serie de gastos como o de electricidade e promover unha serie de bonificacións para colectivos máis vulnerables. Paso a resumirlles as alegacións e que agardo teñan o voto a favor de toda a Corporación para evitar que a veciñanza sexa a principal damnificada:

A proposta que fixemos desde o BNG é que se realice unha auditoría do gasto enerxético para analizar medidas que permitan diminuír o consumo de electricidade. Ademais propuxemos que o Concello de Ribeira faga investimentos para producir electricidade a partir de fontes renovábeis, nomeadamente en enerxía solar e eólica de pequena escala. A electricidade producida iría destinada ao autoconsumo de toda ou parte da demanda de consumo da propia EDAR e, polo tanto, permitindo rebaixar directamente o recibo das veciñas e veciños.

Malia isto entendemos que estas medidas poden demorarse no tempo, polo que desde o BNG propuxemos que o Concello de Ribeira asuma unha parte da suba que lle pretende aplicar aos veciños e veciñas co fin de evitar que sexa insoportábel para a economía de moitas persoas, destinando até un máximo de 250.000€ que irá reducíndose a medida que se vaia producindo electricidade a partir das fontes renovábeis antes mencionadas.

Con respecto ás bonificacións, considerabamos claramente insuficiente que só puideran optar á redución do 50% do custe as persoas que cobran a Renda de Inserción de Galiza (RISGA), polo que propuxemos aumentar os colectivos máis vulnerábeis que poden acollerse a esta bonificación como son; persoas que cobran pensións non contributivas e as unidades familiares que teñan uns ingresos iguais ou inferiores a 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.