O BNG esixe actuar ao Concello de Ribeira no conflito laboral na empresa de transporte Ferrín

Vázquez Cobas: o goberno local non pode mirar para outro lado cando hai persoal acosado e sen cobrar

A empresa Agustín Sarasquete e Hijos, con sede social en Ribeira, e pertencente ao grupo de Empresas Ferrín, está sometendo a algúns traballadores e traballadoras que pertencen á Central Intersindical Galega (CIG) a unha persecución e acoso constantes por esixiren o cumprimento do convenio colectivo en materia de xornada, horas extras, salarios, etc.

Diante da negativa da empresa a cumprir coas demandas do persoal, as actuacións da CIG deron como resultado ducias de sentenzas e actuacións sancionadoras da inspección de traballo e, aínda así, a empresa negouse a cumprir tanto os fallos xudiciais como os mandatos da propia inspección. O responsábel da CIG en Ribeira, Xan García, destacou que a empresa xa tivo unha condena con indemnización á delegada sindical por vulneración de dereitos fundamentais en 2016, entre moitas outras sentenzas (modificación substancial das condicións de traballo, sancións, despedimentos nulos, etc.).
“Esta situación de desacato e desobediencia continuada diante das instancias xudiciais e inspectoras levou á CIG a presentar no mes de xullo unha denuncia penal nos xulgados de Ribeira por desacato reiterado e persecución sindical”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG en Ribeira, Xosé Antonio Vázquez Cobas, mostrou publicamente o apoio da formación nacionalista ao persoal da empresa de transporte público ao tempo que anunciou que “o Bloque rexistrou unha iniciativa na que se esixirá que se tomen cartas no asunto e vemos que o único que fan é mirar para outro lado”. Ademais desde denunciar o desleixo de Ruiz Rivas, o Bloque pídenlle á empresa Ferrín que cese a represión sindical e comece a cumprir cos lexítimos dereitos laborais do persoal.

Revisión do convenio entre o concello e empresa

Desde o BNG explican que o Grupo de Empresas Ferrín ten asinado un convenio de colaboración co Concello de Ribeira por valor de máis de 100.000€ polo que cren que a administración local non pode mirar para outro lado como se nada pasara. “O goberno local ten que mediar no conflito laboral e esixir o cumprimento do convenio colectivo e dos dereitos laborais así como o pagamentos das nóminas atrasadas”.

Vázquez Cobas lembrou que a normativa legal sobre contratos do sector público no seu artigo 211.1.i recolle literalmente como causa de resolución dos contratos administrativos “O impago, durante a execución do contrato, dos salarios por parte do contratista aos traballadores/as que estiveran participando na mesma, ou o incumprimento das condicións establecidas nos Convenios colectivos en vigor para estos traballaadores/as tamén durante a execución do contrato”.

Ante esta situación o BNG, alén de instar á empresa Ferrín a cesar a represión sindical que realiza, solicitará a revisión do convenio que o Concello de Ribeira ten en vigor co Grupo de empresas Ferrin se non se abonan os salarios atrasados e se cumpre cos dereitos laborais do persoal.

Por último, tamén pediremos que se tomen as medidas oportunas de acordo coa lexislación en materia de contratos co sector público para evitar que empresas que xestionen servizos públicos poidan ter unhas condicións laborais indignas. “As administracións públicas teñen que velar polo cumprimento dos dereitos e se Ruiz Rivas non toma unha posición a favor do persoal será cómplice” concluíu Cobas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.