Ribeira perde a xestión da depuradora polo mal proceder de Ruiz

O BNG defendeu a xestión pública municipal pero sempre que se salvagardase o correcto funcionamento do sistema

O pleno extraordinario convocado para o 30 de decembro de 2019 debateu sobre a cesión e a licitación da depuradora de augas residuais de Ribeira (EDAR). O mal proceder do goberno local provocou que a xestión xa non vaia ser municipal e que vaia pasar a mans da Xunta de Galiza, cuestión que desde o BNG recriminamos. Ruiz Rivas, coa súa mala praxe fixo fracasar a posibilidade de que Ribeira teña unha depuradora cunha xestión pública, municipal e que fose auditada coas garantías precisas para o seu correcto funcionamento.

O posicionamento do BNG no pleno foi o seguinte:

Ribeira debe contar co necesario saneamento integral das súas augas residuais pois é algo funamental, mais tamén entendemos que non se pode facer de calquera xeito, senón que se debe respectar toda a riqueza e patrimonio do seu entorno.

O sistema que hoxe está implantado nunca tivo o apoio do BNG, porque sempre apostamos por outro modelo diametralmente oposto ao que presentou o Partido Popular.  O modelo do Bloque pasaba por construír depuradoras máis pequenas e distribuídas nas valgadas naturais do territorio e unha destinada a residuos industriais tal e como recomenda a Unión Europea. Este modelo implicaría un menor custo de mantemento e bombeos ao non ter que trasladar os residuos durante 13 kms e 7 tanques de tormenta.

Sempre apostamos por outro modelo e malia todo o BNG foi o único grupo que presentou alegacións ao proxecto feito polo Partido Popular e que este coa súa maioría absoluta rexeitou, tamén cos votos de membros que hoxe integran o PBBI que apoiaron todas e cada unha das decisións que hoxe implican problemas e un tarifazo cunha suba de 100€/ano para a veciñanza.

No punto da cesión da EDAR ao Concello de Ribeira, había un punto de especial importancia engadido grazas a unha emenda feita polo Bloque no pasado mes de agosto, en dita emenda pedíase a realización de dúas auditorías independentes para verificar o correcto funcionamento da EDAR e de todo o sistema. Sen esa emenda non tería sido posíbel contar coa auditoría da Xunta e a que se coñecerá no vindeiro mes de xaneiro realizada polo concello. Ambas auditorías terían que ter unhas conclusións positivas e ser presentadas ante a veciñanza e os grupos da Corporación Municipal pois, do contrario, o goberno local non estaría autorizado para asinar cesión da depuradora.

Por último, pero non menos importante, o BNG fixo unha proposta que non foi aceptada na que se pedía que se expuxera o acordo a un período de exposición pública de cando menos 15 días nas que calquera persoa podía estudar a documentación e facer achegas.

Posicionamento sobre a licitación da EDAR:

A modificación proposta polo goberno ribeirense á taxa de saneamento onde se contempla unha suba de preto de 100€ ao ano é “escandalosa” e non estámos dispostos a deixar pasar este atropelo. Para frear esta suba “brutal” por unha planificación nefasta, rexistramos alegacións cunha batería de medidas destinadas a beneficiar ao conxunto da veciñanza, negocios e colectivos bonificados.

No prego de cláusulas que o concello estableceu pódese ver que o custe total da explotación é de 1.454.688,81€/ano IVE incluído que se distribúen da seguinte maneira:

custes de mantemento (424.800€), custes mantemento (100.470€), custes variábeis de subministración enerxía eléctrica (300.000€), custes cumprimento autorización de vertedura (132.000€), custes asociados a medios externos ao servizo (53.000€),, gastos xerais (131.335€), beneficio industrial (60.616€).

Dentro desta estrutura de gastos no Bloque non formulamos rebaixar os custes de mantemento por se incluíren os salarios do persoal e co fin de garantir unhas condicións laborais e un salario digno. Ademais dentro dos custes de mantemento e asociados a medios externos, cremos que tampouco se debe reducir por estar incluídas as limpezas periódicas necesarias para evitar cheiros e que o sistema deixe de funcionar. O mantemento debe ser un dos puntos clave posto que un mal coidado da infraestrutura causará problemas á veciñanza e tamén ao medio natural.

O BNG oponse ao tarifazo e propón reducións

Opoñémonos ao tarifazo que se lle pretende aplicar á veciñanza cunha suba de preto de 100€ ao ano, unha cantidade que no BNG consideramos totalmente insostíbel para as economías da clase traballadora e pretenden parar coas súas alegacións.

O tarifazo que Ruiz quere aplicar débese ao nefasto modelo escollido polo Partido Popular ao facer unha macrodepuradora que ten que impulsar os residuos durante quilómetros até chegar a Couso. “O modelo promovido polo Bloque sempre foi outro, consistente na construción de dúas depuradoras o que permitiría rebaixar tanto o custe enerxético da estación como o dos bombeos e, por conseguinte, o custe total da explotación” argumentou Pérez Barral.

Pérez Barral detallou que as posibilidades para rebaixar o custe que terá a infraestrutura pasan por atallar o gasto de electricidade, polo que a proposta que fixo o Bloque era realizar unha auditoría do gasto enerxético para analizar medidas que permitan diminuír o consumo de electricidade. Ademais propuxemos que o concello faga investimentos para producir electricidade a partir de fontes renovábeis, nomeadamente en enerxía solar e eólica de pequena escala. Segundo Pérez Barral “a electricidade producida iría destinada ao autoconsumo de toda ou parte da demanda de consumo da propia EDAR e, polo tanto, permitiría rebaixar directamente o recibo”.

Por outra banda e para conseguir unha rebaixa directa dun mínimo de 21€ á veciñanza propuxemos que se destinasen 250.000€ para evitar un tarifazo que lle pretendía aplicar aos veciños e veciñas co fin de evitar que fose insoportábel para a economía de moitas persoas. Esta partida iría reducíndose a medida que se fose producindo electricidade a partir das fontes renovábeis antes mencionadas.

Con respecto ás reducións, cremos que era claramente insuficiente que só poidan optar á redución do 50% do custe as persoas que cobran a Renda de Inserción de Galiza (RISGA), polo que propuxemos aumentar as reducións aos colectivos máis vulnerábeis que poden acollerse a estas reducións como son; persoas que cobran pensións non contributivas, persoas con discapacidade recoñecida e as unidades familiares que teñan uns ingresos iguais ou inferiores a 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.