O BNG alega a taxa de saneamento para frear o tarifazo

Presentamos alegacións que reducirían unha suba “escandalosa” de 100€ ao ano

A modificación proposta polo goberno ribeirense á taxa de saneamento onde se contempla unha suba de preto de 100€ ao ano é “escandalosa” e non estámos dispostos a deixar pasar este atropelo. Para frear esta suba “brutal” por unha planificación nefasta, rexistramos alegacións cunha batería de medidas destinadas a beneficiar ao conxunto da veciñanza, negocios e colectivos bonificados.

Os concelleiros, Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral, cren que o Concello de Ribeira debe garantir un sistema de depuración de augas residuais cun funcionamento correcto que preserve o medio natural e mariño, pola riqueza e diversidade que este presenta, mais tamén porque é o medio de traballo de centos de persoas ligadas á actividade do mar pero debe ter uns custes razoábeis.

No prego de cláusulas que o concello estableceu pódese ver que o custe total da explotación é de 1.454.688,81€/ano IVE incluído que se distribúen da seguinte maneira:

custes de mantemento (424.800€), custes mantemento (100.470€), custes variábeis de subministración enerxía eléctrica (300.000€), custes cumprimento autorización de vertedura (132.000€), custes asociados a medios externos ao servizo (53.000€),, gastos xerais (131.335€), beneficio industrial (60.616€).

Dentro desta estrutura de gastos no Bloque non formulamos rebaixar os custes de mantemento por se incluíren os salarios do persoal e co fin de garantir unhas condicións laborais e un salario digno. Ademais dentro dos custes de mantemento e asociados a medios externos, cremos que tampouco se debe reducir por estar incluídas as limpezas periódicas necesarias para evitar cheiros e que o sistema deixe de funcionar. O mantemento debe ser un dos puntos clave posto que un mal coidado da infraestrutura causará problemas á veciñanza e tamén ao medio natural.

O BNG oponse ao tarifazo e propón reducións

Opoñémonos ao tarifazo que se lle pretende aplicar á veciñanza cunha suba de preto de 100€ ao ano, unha cantidade que no BNG consideramos totalmente insostíbel para as economías da clase traballadora e pretenden parar coas súas alegacións.

O concelleiro Luís Pérez Barral considera que o tarifazo que Ruiz quere aplicar débese ao nefasto modelo escollido polo Partido Popular ao facer unha macrodepuradora que ten que impulsar os residuos durante quilómetros até chegar a Couso. “O modelo promovido polo Bloque sempre foi outro, consistente na construción de dúas depuradoras o que permitiría rebaixar tanto o custe enerxético da estación como o dos bombeos e, por conseguinte, o custe total da explotación” argumentou.

Pérez Barral detallou que as posibilidades para rebaixar o custe que terá a infraestrutura pasan por atallar o gasto de electricidade, polo que a proposta que fai o Bloque é que se realice unha auditoría do gasto enerxético para analizar medidas que permitan diminuír o consumo de electricidade. Ademais propoñen que o concello faga investimentos para producir electricidade a partir de fontes renovábeis, nomeadamente en enerxía solar e eólica de pequena escala. Segundo Pérez Barral “a electricidade producida iría destinada ao autoconsumo de toda ou parte da demanda de consumo da propia EDAR e, polo tanto, permitiría rebaixar directamente o recibo”.

Por outra banda e para conseguir unha rebaixa directa dun mínimo de 21€ á veciñanza propoñemos que se destinen 250.000€ para evitar un tarifazo que lle pretende aplicar aos veciños e veciñas co fin de evitar que sexa insoportábel para a economía de moitas persoas. Esta partida iría reducíndose a medida que se vaia producindo electricidade a partir das fontes renovábeis antes mencionadas.

Con respecto ás reducións, cremos que é claramente insuficiente que só poidan optar á redución do 50% do custe as persoas que cobran a Renda de Inserción de Galiza (RISGA), polo que propoñemos aumentar as reducións aos colectivos máis vulnerábeis que poden acollerse a estas reducións como son; persoas que cobran pensións non contributivas, persoas con discapacidade recoñecida e as unidades familiares que teñan uns ingresos iguais ou inferiores a 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.