As emendas do BNG ao Orzamento da Xunta centradas en atención social, sanidade e infraestruturas

O BNG aposta por rivitalizar unha comarca puxante que conta con 65.000 habitantes e uns sectores económicos fortes e lamentan a discriminación por parte da Xunta

O deputado nacionalista, Xosé Luís Rivas “Mini”, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, acompañados do voceiro do BNG en Ribeira, Xosé Vázquez e da responsábel de acción social, Cruz Rivadulla, presentaron publicamente as emendas que o BNG presentou aos Orzamentos da Xunta para 2020.

Segundo explicou Xosé Luís Rivas “a política da Xunta esquece as demandas sociais coa poboación dos catro concellos da Barbanza como son a mellora dos servizos públicos e sociais como a sanidade ou a atención á dependencia”. O nacionalista tamén quixo denunciar o incumprimento de acordos orzamentarios “para tirar a foto” e que despois o PP non executa.

O deputado nacionalista tamén cargou contra Feijóo por carecer de proxecto de país e que, se o ten, o único que se visualiza con estes Orzamentos é a consolidación das privatizacións e recortes en materia social, desatenden o noso rural ou as nosas rías. Rivas “Mini” botou man dun informe de Augas de Galiza, no que se recolle que a metade das depuradoras funcionan mal, para denunciar que a Xunta segue de brazos cruzados na depuración de augas residuais. No ámbito rural o único que promove é o monocultivo do eucalipto que xa vimos as catastróficas consecuencias en Rianxo no ano pasado, “faise preciso poñer en valor a gandaría, a silvicultura, apostar pola un monte multifuncional que evite os grandes lumes forestais” concluíu “Mini”.

Prioridades do BNG: sanidade, atención ás persoas maiores e infraestruturas

Pola súa banda, o alcalde de Rianxo Adolfo Muíños destacou que o BNG aposta por dinamizar e revitalizar unha comarca que é puxante social e economicamente falando, pois aglutina unha poboación de máis de 65.000 habitantes e posúe unha industria forte como é a conserveira ou un sector primario decisivo para Galiza como é o pesqueiro.

Muíños argumentou a atención ás persoas e ás necesidades sociais é fundamental para o BNG, por iso rexistra emendas para dotar dunha nova residencia a Ribeira que sexa de ámbito comarcal, poñer en marcha o centro de día de Rianxo, arranxar o centro de saúde da Pobra e dotar unha ambulancia medicalizada para o Hospital da Barbanza. “Debemos garantir o dereito a termos unha sanidade pública de calidade e unha boa atención ás persoas maiores” explicou Muíños. Tamén foi moi claro o mandatario rianxeiro, cun tema demandado como é o centro de día: “queremos que a Xunta apoie a a posta en marcha do centro de día no Pazo de Rianxiño e no caso de que a Xunta queira negarlle aos veciños e veciñas este dereito que o diga claramente”.

Con respecto ás infraestruturas o Bloque aposta pola mobilidade, concretamente propón dotar á Barbanza dunha liña ferroviaria que permita mellorar as conexións con outras cidades por tren e facilite a exportación das mercadorías que se producen nas industrias e materias que chegan aos portos. Esta proposta non sería excesivamente custosa pois as vías xa pasan por Rianxo e só sería necesario proxectar unha única liña que chegase até Ribeira. Tamén se inclúe nas emendas do BNG o aumento no mantemento no portos pesqueiros, a reforma do Pazo do Martelo en Rianxo para modernizar a biblioteca e garantir a súa accesibilidade e o remate da escola infantil da Pobra.

Por último e tamén relacionado coas infraestruturas o Bloque solicita que o Orzamento da Xunta para 2020 contemple a construción dunha segunda depuradora para Boiro que preserve o medio natural. Muíños Sánchez referiuse a que é unha necesidade urxente para evitar que haxa verteduras na ría que prexudiquen o medio natural e os postos vinculados á pesca e ao marisqueo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.