Ribeira reorganizará o tráfico viario para gañar fluidez

O pleno de novembro, aprobou a proposta do BNG para mellorar a circulación viaria do tráfico. Por outra banda a abstención do PSOE e a ausencia dun edil do PBBI impediu cambios no servizo de limpeza e recollida de lixo.

Aprobada a proposta do BNG para reorganizar o tráfico no barrio do Monumento: O caos circulatorio que hai en Ribeira pola inacción do PP, vai ter remedio, polo menos en parte, xa que se vai realizar unha reorganización nas rúas Novoa Santos, Monumento, Romero Ortiz e Valle-Inclán.
O barrio do Monumento presenta importantes desniveis, rúas con tráfico nas dúas direccións e zonas habilitadas para o estacionamento. Isto non suporía ningún problema de teren as rúas un ancho suficiente, cousa que non pasa por unha mala planificación. Para o concelleiro Luís Pérez Barral, o problema que se está a dar nas rúas que teñen os dous sentidos da circulación, é que os vehículos non poden transitar sen deterse, posto que teñen que deixar pasar a outros vehículos ante a falta de espazo.

Pérez Barral defendeu a necesidade dun plan viario argumentando que “na actualidade o barrio do Monumento absorbe unha densidade de tráfico maior, pois é unha das zonas de entrada ou saída do centro urbano”.

Grazas á proposta do BNG o concello presentou estudo para reorganizar o tráfico rodado para as rúas Monumento, Novoa Santos e Romero Ortiz. “Xa era hora, pois a total inacción do Partido Popular está provocando un auténtico caos circulatorio e provoca moito malestar social” recriminou Pérez Barral.

Por último, desde o BNG proporase que se escolla preferentemente os sentidos únicos de circulación como maneira de preservar as prazas de estacionamento.

Iniciativa do BNG para aumentar a iluminación na rúa de Lugo: o voceiro Xosé Vázquez Cobas rexistrou unha iniciativa para demandar unha mellora da iluminación na rúa de Lugo en pleno centro urbano de Ribeira. O motivo é que cando anoitece a rúa fica moi escura polo que Vázquez insta ao goberno local a solucionar as carencias que ten a iluminación, xa que toda a marxe esquerda da rúa en dirección ascendente, non ten ningunha luminaria polo que hai certa sensación de inseguridade. O BNG ten rexistrado queixas por este motivo e consideramos que a mellora da iluminación tamén redundará na mellora da seguridade para a veciñanza e para os locais comerciais.

Urbaser volverá xestionar o servizo de limpeza e recollida de lixo

Os votos a favor do PP, a abstención do PSOE e a ausencia  dun edil do PBBI fixeron que Urbaser volva xestionar o servizo a pesar de tantas queixas como rexistraba por mala prestación

O concelleiro Luís Pérez Barral, fixo un repaso cronolóxico polos acontecementos para que se poida comprender como se chega a esa situación e recriminou que sempre que lle é necesario ao PP, se ausente un edil do PBBI imposibilitando un cambio no modelo de prestación dun servizo esencial para a veciñanza.

O 13 de outubro de 2014, aprobouse o expediente de contratación do contrato de xestión do servizo público de limpeza e recollida de lixo sen o apoio do Bloque.
En maio de 2015, nun pleno extraordinario, acordouse cos votos a favor de PP, co voto favorábel de edís que hoxe están no PBBI, e as abstencións de PSOE e IPR adxudicar contrato a Recolte. Naquel momento tan só o BNG se opoñía a blindar o servizo privatizado de limpeza e recollida de lixo por 22 millóns a 15 días das eleccións!!

Xullo de 2019, o goberno traía a pleno a revisión (á alza, como non!) dos prezos que se lle pagaban a Recolte pola prestación dos servizos. O tema foi aprobado cos votos a favor do PP, do PSOE e a abstención de Suma Ribeira.

O BNG, polo tanto, non participou nunca destas manobras, e non fomos partícipes por non crer no modelo de xestión que se ía facer e se fai na actualidade.

Coñecido é o posicionamento que ten o Bloque Nacionalista Galego neste concello con respecto ao servizo de limpeza e recollida de lixo. No BNG estamos por promover a educación dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), cuestión que, co actual modelo non se cumpren, pois pagamos por queimar os residuos urbanos en SOGAMA e aqueles que non se queiman, van directamente para o vertedoiro.

Cremos ademais nun sistema de promoción da compostaxe dos residuos orgánicos que son os que máis pesan na bolsa de lixo e, polo tanto, os que máis encarecen a recollida. Cunha boa planificación e políticas ambientais avanzadas poderíase xerar compost de calidade, xerando fertilizante ecolóxico reducindo, á súa vez, o custe da recollida de residuos urbanos.
Esta política xa a estamos promovendo en concellos gobernados polo BNG, e non só teñen por que mirar para a multipremiada cidade de Pontevedra, senón que poden velo en concellos de toda clase e habitantes como Allariz, San Sadurniño, Cabanas, Tomiño, Ponteareas ou Carballo, por poñer só algúns exemplos.

Ademais no BNG non quedamos aí, senón que apostamos por algo que levamos tempo propoñendo como é a creación dunha empresa pública para a xestión, cuestión que o PP se nega a facer porque non cre na potencialidade do público e só quere perpetuar a privatización dos servizos. No Bloque somos concientes de que, hai capacidade falta a vontade. A vontade para constituír unha empresa pública que xestionase a limpeza e a recollida de residuos urbanos e que redunde na mellora do servizo, na calidade laboral do persoal e no beneficio económico para as arcas públicas.

Sabemos que o modelo do Partido Popular é o de entregar estas obras ás empresas privadas pero xa vemos como rematan, para pór un caso no que non teñamos que saír do municipio, o fracasado modelo de xestión do Centenario que implica unhas tarifas desorbitadas.
Esta empresa podería, nun futuro próximo, xestionar tamén o saneamento e as depuradoras coas que conta este municipio.

 

Outros temas:

Cesión de terreo público para destinalo a usos sociais. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, PSOE e BNG. Abstención de SR.

Concesión da Medalla de Ouro do Concello de Ribeira aos políticos e políticas da Corporación Municipal 1979-1983 para conmemoración dos 40 anos da Constitución española. Votos a favor de PP, PBBI, PSOE, SR e votos en contra do BNG
Desde o BNG argumentamos que non estamos polo labor de conceder distincións a políticos/as só polo feito de selo, pois consideramos que se debería abrir á participación social o outorgamento de distincións en Ribeira mediante a elaboración dun regulamento. Ademais consideramos prioritario eliminar os vestixios da ditadura franquista que aínda hoxe están presentes nas rúas ou mesmo son fillos adoptivos do concello.

Desafección do matadoiro para poder proceder á súa subasta por un importe inicial de 1.058.383€ e que se deberá dedicar a este fin durante, cando menos, os próximos 15 anos. Esta operación permitirá dotar de financiamento suficiente a construcción da Escola de Remo onde poder albergar o Club de Remo e tamén a construción da nova biblioteca de Ribeira, dúas cuestión que a sociedade demanda e que o Bloque xa levara a pleno en varias ocasións. Os informes xurídicos e económicos son favorábeis.
Votos a favor de PP, PSOE, BNG. Votos en contra de PBBI e SR.

Expediente inicial de licitación da Estación de Depuración de Augas Residuais de Ribeira: este é un trámite inicial de licitación que se comeza para gañar tempo e evitar problemas con prazos na xestión futura da EDAR mais non é definitivo, posto que terá que volver a pleno para poder adxudicalo de maneira definitiva. Desde o BNG deixouse moi claro que non imos aprobar nada, cando teña que volver a pleno, sen ter as dúas auditorías favorábeis e sexan presentadas ante os grupos e a veciñanza. O edil nacionalista, Pérez Barral, foi claro e remarcou que vai exixir o cumprimento exacto da emenda presentada polo Bloque aprobada no pleno de agosto de 2019 no que se establecía a obrigación de facer unha auditoría interna e outra externa para coñecer se os problemas de cheiros, verteduras, etc. están solucionados e as actuacións comprometidas polas diferentes institucións están realizadas. As conclusións da auditoría deben ser positivas e deben presentarse ante a veciñanza e a Corporación Municipal antes da adxudicación real e definitiva.
Votos a favor de PP, BNG, abstención de PSOE e contra do PBBI e SR

Taxa de saneamento. Votos a favor do PP, abstencións de PSOE, BNG, SR e votos en contra do PBBI.
O BNG avanzou que realizará alegacións a esta normativa no prazo legal para facelo para procurar un incremento dos colectivos beneficiados polas bonificacións. Ademais proporase que a suba sexa razoábel e non haxa grandes incrementos no pagamento do canon que actualmente paga a veciñanza. O BNG non está de acordo co sistema actual dunha única depuradora que implica maior custo de mantemento, cómpre lembrar que a proposta do Bloque foi a de dúas depuradoras máis pequenas con menor custo e mantemento. 

Cesión de terreo público para destinalo a usos sociais por parte de Asociación de persoas con diversidade funcional AMBAR. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, PSOE e BNG. Abstención de SR.

Expediente de crédito por valor dun millón e medio de euros para afrontar a construción do novo auditorio. Esta modificación conta con todos os informes xurídicos e económicos favorábeis. Votos a favor de PP, BNG, abstención do PSOE e contra de PBBI e SR

Procura dun novo emprazamento para o Grupo de Axuda a Emerxencias Municipais (GAEM). Aprobado por unanimidade

Instar a Portos de Galiza a que mellore o mantemento dos portos e solicitar un representante no Consello de Administración do ente público. Demandar unha actuación na antiga lonxa para destinala a nave para redeiros e outros usos. Aprobado

Modificación do regulamento orgánico municipal para regular as sesión plenarias. Aprobado presentar un borrador en xaneiro para que os grupos poidan emendar e facer achegas. Votos a favor de PP, PSOE e BNG. Votos en contra de PBBI e SR

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.