O BNG pide reorganizar o tráfico do Monumento para mellorar a fluidez

Lamentan que a inacción do PP provoque un caos circulatorio

O proceso de peonalización que se está realizando en Ribeira está a modificar os fluxos e a circulación de vehículos dentro do casco urbano. Os vehículos que antes circulaban polas rúas Rosalía de Castro, Galiza e Cristobal Colón, agora circulan por outras estradas sen maior problema, agás no barrio do Monumento e nas rúas adxacentes.

O barrio do Monumento está caracterizado por ser un barrio con importantes desniveis ao que se lle suma rúas con tráfico nas dúas direccións e zonas habilitadas para o estacionamento. Isto non suporía ningún problema de teren as rúas un ancho suficiente, cousa que non pasa por unha mala planificación. Segundo informa o concelleiro Luís Pérez Barral, o problema que se está a dar nas rúas que teñen os dous sentidos da circulación, é que os vehículos non poden transitar sen deterse, posto que teñen que deixar pasar a outros vehículos ante a falta de espazo.

Pérez Barral di que “hai que ter en consideración que na actualidade o barrio do Monumento absorbe unha densidade de tráfico maior, pois é unha das zonas de entrada ou saída do centro urbano”.

Consideramos que o Concello de Ribeira debería realizar un estudo para reorganizar o tráfico rodado alomenos para as rúas Monumento, Novoa Santos e Romero Ortiz, mais Pérez Barral lamenta “a total inacción do Partido Popular” o que provoca un “auténtico caos circulatorio” e provoca moito malestar social.

Cremos que a peonalización non pode provocar contratempos noutras rúas de Ribeira, polo que cren preciso facer axustes nestas rúas para evitar os problemas circulatorios que se poden rexistrar.

No vindeiro pleno volveremos pedir que o Concello de Ribeira realice ese estudo intentando preservar, alí onde sexa posíbel, as prazas de estacionamento e que, tamén sempre cando sexa posíbel opte de xeito prioritario polos sentidos únicos de circulación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.