O BNG exixe a convocatoria da Xunta Local de Seguridade para afrontar os roubos

A inseguridade vai en aumento mentres o señor Ruiz segue de brazos cruzados

Os roubos que nos últimos meses afectan a moitos negocios e mesmo particulares no Concello de Ribeira está xerando moita inseguridade entre a veciñanza. A falta de efectivos na policía local e da policía nacional é sobradamente coñecida, distando moito do que a normativa vixente estima como recomendábel, cuestión que os ladróns aproveitan para beneficio propio.

Malia que as directivas da Unión Europea recomendan contar cun número de 1,8 axentes por cada 1.000 habitantes, Ribeira atópase lonxe desa cifra, ao contar cun cadro de policías moi minguado. Relacionando a poboación de algo máis de 27.000 habitantes que ten Ribeira coa cifra antes mencionada de 1,8×1.000, danos que deberíamos contar con  49 axentes. O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas argumentou que ademais “cómpre termos en conta que Ribeira é unha cidade de servizos e cuxa poboación flotante diaria é moi superior ao padrón municipal, ao que se lle suma o incremento en datas estivais por mor do turismo”.

Desde o BNG poñemos de manifesto que cando se aprobou a Relación de Postos de Traballo (RPT) de maneira unilateral por parte do PP, xa denunciaran que non se recollía a dispoñibilidade horaria que viñan prestando anteriormente os axentes da policía local, co cal ía resultar difícil cubrir baixas, servizos especiais e mesmo aumentar o servizo nocturno.

Para Vázquez Cobas “o labor que realiza a Policía Local é positivo mais só conta con 20 axentes efectivos, co que resulta imposíbel garantir a seguridade en todo o municipio”. Segundo os nacionalistas o desleixo do Partido Popular con este tema é notorio pois non fixo nada para mellorar un servizo tan importante para a poboación como é a seguridade pública malia as continuas denuncias por roubos e inseguridade.

Coa finalidade de que se poidan coordinar de maneira efectiva os axentes das policías en Ribeira, e ante a vaga de roubos que padecen os comercios e mesmo vivendas particulares no noso municipio, desde o BNG solicitamos que se convoque inmediatamente a Xunta de Seguridade Local para afrontar a vaga de roubos que Ribeira padece e se tomen medidas efectivas para garantir a seguranza de comercios e vivendas.

Por outra banda, o Bloque tamén demanda que o concello, en coordinación coa Policía Nacional, aumente as patrullas e os percorridos que fai a Policía Local como medida de garantir unha maior presenza policial na rúa e contribúan a aumentar a seguridade polas noites.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.