Entroido e Dorna triunfan como festivos locais para 2020

A Corporación aproba por unanimidade a proposta do BNG para aumentar as zonas verdes en Ribeira

O martes de Entroido e o Día da Festa da Dorna serán os festivos locais de 2020: O BNG presentou unha emenda á proposta unilateral do goberno para determinar os festivos locais o 24 de xullo día da Dorna e o 12 de setembro día de Santa Uxía. A proposta do BNG pasa por non discriminar ningunha festa e potenciar a festa da Dorna, o Entroido e a de Santa Uxía dándolle o festivo local ás dúas primeiras e potenciando a programación de actividades lúdicas para todas as idades na 2ª fin de semana de setembro no caso de Santa Uxía.

A proposta presentada polo Bloque facilitará a asistencia da veciñanza aos actos lúdicos mentres que o concello rendabilizará máis os cartos públicos que se gastan na realización dos festexos. Os actos relixiosos do día da patroa deben ser realizados cando a Igrexa o estime oportuno, pois como respresentantes públicos cremos que debe existir unha separación entre o as administracións públicas e a relixión. Consideramos que no exercicio das nosas responsabilidades, debemos respectar os sentimentos relixiosos mais tamén é preciso mirarmos polo interese xeral da poboació e do sector comercial, que sempre defendeu a festividade do martes de entroido.

A emenda que presentada desde o BNG restitúe o histórico martes de entroido que se viña declarando festivo local desde 1985 e que fora tumbado no ano 2018 por PP e PSOE. No Bloque seguiremos apostando pola Festa da Dorna e por martes de Entroido por tradición e por ser festexos referenciais do noso municipio. O martes de entroido supón uns ingresos económicos vitais para o comercio e hostelaría locais e tamén desde o punto de vista social é moi importante ao participar nela asociacións e centos de persoas coas murgas, disfraces, etc. Con respecto á Festa da Dorna, debemos seguir colaborando coa Confraría da Dorna para axudar a potenciar aínda máis este grande festexo que sitúa a Ribeira no mapa e que ten sona a nivel internacional.

Aprobada a emenda do BNG cos votos a favor do BNG, PSOE, PBBI, SR e votos en contra do PP.

Aprobada por unanimidade o plan “Reverdecer Ribeira” presentado polo BNG: o voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, explicou que a humanización de Ribeira, do seu espazo urbano, non será tal se non fan parte dela de xeito estrutural e principal as árbores, as plantas e zonas verdes neste sentido, o Bloque presentou no Pleno da Corporación un plan denominado “Reverdecer Ribeira” para aumentar e mellorar o número de zonas verdes e vexetación nas rúas.

Todos sabemos que as árbores absorben o dióxido de carbono, o oxido de nitróxeno, amoníaco, dióxido de xofre e o ozono devolvendo osíxeno e axudan a diminuír as emisións de CO2” argumentou o voceiro Xosé Vázquez, “malia isto o Partido Popular parece que lle dan alerxia pois non aumenta as zonas verdes e as poucas árbores novas que hai en Ribeira están grazas á presión e teimosía do BNG” engadiu.

Cremos que son necesarias máis árbores e arbustos polos múltiples beneficios non que teñen pois “non só reducen a contaminación senón que tamén actúan sobor do clima aumentando a humidade do ambiente e diminuíndo a temperatura no verán, entre 2 ou 8 grados, proporcionando sombra e fresco no asfalto, na pedra e no cemento e se algo precisamos en Ribeira é menos cemento e máis vexetación”. Os espazos verdes, as árbores e as plantas na cidade melloran a calidade de vida das veciñas e veciños contribuíndo na creación dun ambiente social, de convivencia, de educación ambiental e mesmo revalorizan o prezo dos inmobles e locais que hai nesas rúas.

Para apostarmos por incorporar máis árbores e arbustos nas rúas de Ribeira e as súas parroquias, é preciso que desde o concello se teña en conta esta cuestión cando se fan proxectos de reforma, mellora ou reurbanización.

Con respecto ás áreas forestais que son propiedade municipal, cremos que se debería aplicar gradualmente unha desecaliptización apostando por unha planificación ordenada na que faga un calendario para eliminar especies invasoras dos montes e zonas forestais públicas en beneficio da plantación de especies autóctonas” concluíu Cobas.

Desde o BNG congratulámonos de que esta iniciativa teña o respaldo unánime, o que demostra que é beneficiosa para a xente. Neste sentido, aprobouse a contratación dun plan para Reverdecer Ribeira, para que se desenvolva ao mesmo tempo que a humanización das rúas do municipio, e que inclúa cando menos un estudo detallado nas rúas que é posíbel poñer vexetación, coidado anual das árbores e realización dun programa progresivo de eliminación de especies invasoras nos montes de titularidade municipal e repoboacións con especies autóctonas.

Iniciativa do Bloque para realizar obras de mantemento de zonas deportivas: desde o BNG detectamos que hai zonas deportivas que presentan unha falta de mantemento e atención, dous exemplos son as gradas do campo de fútbol da Tasca en Aguiño ou centro de deportes de raqueta que hai en Coroso. Na Tasca, a grada ten moitas deficiencias por falta de mantemento nas bancadas, afloramentos de oxido, pintura…Mais a día de hoxe, hai algunha como é a rotura da valla de protección, que precisa ser reparada canto antes polo perigo que supón para o público. En Coroso a rotulación do centro precisa substituírse por outro material máis resistente.

Iniciativa do Bloque para realizar actuacións na Amarella: No BNG cremos que o goberno local discrimina zonas de Ribeira someténdoas a un continuo abandono e por iso rexistra unha iniciativa para que o Concello de Ribeira realice un proxecto para mellorar o aspecto da praza Amarella que actualmente ten deficiencias no seu mantemento e limpeza.

Con respecto á citada praza, o panorama é desolador explica Cobas, “hai pintadas por mor de actos vandálicos e pola escasa seguridade, a herba nace no medio das lousas e malia que se eliminaron espazos verdes, os poucos que hai non teñen o coidado que precisan”. Apunta que o desleixo é tal que “mesmo hai zonas de intensa humidade que escurecen o chan e falta mobiliario”.

Por todo isto, o BNG solicitou que se realice un proxecto de mellora nesta praza da Amarella na que se contemple a reparación das deficiencias, se mellore a limpeza e se repoña o mobiliario, así como un maior coidado e aumento das zonas verdes. Tamén anunciamos que esta é unha das primeiras iniciativas para revitalizar o barrio do Monumento e sacalo do esquecemento ao que o somete Ruiz Rivas.

Outros asuntos:

Desmunicipalización da lonxa de Aguiño: este é un paso previo para que a Confraría de Pescadores e Pescadoras de Carreira e Aguiño poida optar a xestionar esta infraestrutura. Esta medida é unha petición feita pola propia confraría.
Votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR.

Modificación da ordenanza para modificar os prezos públicos pola prestación de servizos culturais: neste punto acórdase establecer uns prezos para as actuacións do grupo de teatro municipal se se realizan dentro ou fóra do municipio.
Aprobado por unanimidade

Cesión dun inmóbel á Consellaría de Política Social para establecer un punto de encontro familiar: o local será cedido por un prazo de 35 anos e só para esa finalidade.
Aprobado por unanimidade

Actuacións de seguridade viaria na rúa Romero Ortiz: Desde o BNG explicamos que esta era unha actuación moi necesaria xa que esa rúa se convertiu nunha vía de entrada e saída ao centro urbano. Ademais lembramos que en 2018 pedimos un plan de ordenación viaria nesa zona e máis na do Monumento para gañar fluidez no tráfico sen perder o número de estcionamentos.
Aprobado por unanimidade

Mellora do Campo de Samil: a Corporación municipal aprobou por unanimidade a realización dun plan integral para executar ao longo deste mandato 2019-2023 para dotar a Corrubedo dunha instalación deportiva digna.

A Corporación Municipal aprobou por unanimidade a creación de hortos ecolóxicos e tamén colaborar co cinema de Ribeira para promover ciclos de fimes, series e documentais para persoas maiores. Desde o Bloque tamén propuxemos que esa medida se ampliase á mocidade.

Aparcadoiro para persoas usuarias do centro Agadea para Alzheimer: o PBBI e o PP enlearon un debate no que xeraron unha polémica interesada que non benefician ao conxunto da veciñanza de Ribeira.O BNG non vai caer no xogo nin do PP, nin do PBBI cunhas actitudes máis propias da infancia que de resolver problemas da veciñanza coas que o Bloque non será cómplice.

Vaia por diante que desde o BNG rexeitamos as declaracións feitas polo alcalde de Ribeira no pleno do mes de setembro de 2019, nas que aseguraba que cada grupo podía votar o que desexase que vostede non ía cumprir con dito acordo. Esas declaracións denotan unha falta de talante democrático fóra de todo lugar.
Os informes técnicos especifican que as zonas de carga e descarga non poden empregarse por persoas particulares e teñen un uso restrinxido a persoas que traballan facendo servizos de carga e descarga. Sabemos das dificultades que teñen por dispoñeren de poucos espazos nos que efectuar o seu traballo. Malia isto somos coñecedores e coñecedoras no BNG das necesidades que existen na zona para deixar e sobre todo recoller as persoas usuarias do centro Agadea, por iso propoñemos adoptar as solucións axeitadas para dar resposta a esa necesidade.
Ante a disputa interesada, o BNG ofreceu
unha solución que pase por habilitar máis prazas de uso exclusivo para persoas usuarias do centro Agadea.
Para evitar que un partido defenda que se habilitaron o número de prazas suficientes e outro diga que se precisan máis, desde o BNG propoñemos darlle a voz ao organismo que mellor o vai poder dicir sen unha visión partidista, o Centro Agadea.
Desde o BNG consideramos que quen mellor coñece as necesidades das persoas usuarias é o propio centro, polo que propoñemos que se no prazo dun mes persisten as necesidades para habilitar un maior número de prazas, que desde o Concello de Ribeira llas habilitemos. Obviamente isto require dun control por parte da Policía Local de vixilancia e información.
Se as solucións que se propoñan por parte de Agadea van pola vía de facilitar a chegada e recollida de usuarias doutras formas, desde o BNG estamos abertos a escoitar esas propostas e modificar aquelas normativas que sexan precisas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.