O BNG presenta unha proposta en positivo para os festivos locais e recrimina a actitude infantil de Ruiz e Mariño

A proposta do Bloque pasa por potenciar os tres festexos: Dorna, Entroido e Santa Uxía

O BNG presentou unha emenda á proposta do goberno para determinar os festivos locais o 24 de xullo día da Dorna e o 12 de setembro día de Santa Uxía, así o explicou publicamente o concelleiro Luís Pérez Barral e a responsábel de acción social Cruz Rivadulla Márquez. A proposta do BNG pasa por non discriminar ningunha festa e potenciar a festa da Dorna, o Entroido e a de Santa Uxía dándolle o festivo local ás dúas primeiras e potenciando a programación de actividades lúdicas para todas as idades na 2ª fin de semana de setembro no caso de Santa Uxía. 

A proposta presentada polo Bloque facilitaría a asistencia da veciñanza aos actos lúdicos mentres que o concello rendibilizaría máis os cartos públicos que se gastan na realización dos festexos. Os actos relixiosos do día da patroa deben ser realizados cando a Igrexa o estime oportuno, pois como respresentantes públicos cremos que debe existir unha separación entre o as administracións públicas e a relixión. Consideramos no BNG que no exercicio das nosas responsabilidades, debemos respectar os sentimentos relixiosos mais tamén é preciso mirarmos polo interese xeral da poboació e do sector comercial, que sempre defendeu a festividade do martes de entroido.

A emenda que presentamos desde o BNG pretende restituír o histórico martes de entroido que se viña declarando festivo local desde 1985 e que foi tumbado no ano 2018 por PP e PSOE. No Bloque cremos que debería seguir celebrándose por tradición e por ser referencia comarcal. O martes de entroido supoñía uns ingresos económicos vitais para o comercio e hostelaría locais e tamén desde o punto de vista social é moi importante ao participar nela asociacións e centos de persoas coas murgas, disfraces, etc.

Actitude infantil, lesiva para os intereses sociais de Ribeira

Con respecto a este tema, no BNG facemos as cousas de maneira profesional “presentando as iniciativas axeitadas” fronte o espectáculo que promoven o PBBI e o PP. Pérez Barral recriminou “a actitude infantil que están a ter o señor Ruiz e o señor Mariño para xerar polémica e ver quen saca máis proveito da situación”. Segundo Pérez Barral tanto Mariño como Ruiz están máis preocupados da rivalidade, dos conflitos e dos intereses persoais que teñen, que en procurar o mellor para Ribeira e a súa veciñanza.

Pérez Barral concluíu dicindo que “mentres uns están a tirarse pedras para ver quen acaba peor” o BNG está traballando de xeito rigoroso e promovendo iniciativas que redunden no beneficio da veciñanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.