O PP e parte do PBBI alíanse para incumprir a lei e deturpar o topónimo

- A Corporación Municipal aproba por unanimidade a proposta do BNG para construír unha nova biblioteca
- O PP e parte dos edís de PBBI xuntaron os seus votos para facer que o topónimo de Ribeira continúe a deturparse

Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para construír unha nova biblioteca en Ribeira: a biblioteca municipal é un servizo público de existencia obrigatoria especificada dos concellos e malia isto, Ribeira non conta cunhas instalacións axeitadas pois o espazo actual comparte espazo de lectura, aula para o estudo, sala de informática e espazo para celebración de actividades. Desde o BNG entendemos que a falta de espazo para acoller diversas salas nas que dividir as súas actividades provoca serias molestias ás persoas que empregan este servizo público, ademais a súa localización enriba dun local con actividade musical tamén provoca ruído que molesta ás persoas usuarias.

Para o voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, a veciñanza de “Ribeira precisa unhas mellores e máis modernas instalacións, así o demandou en diversas ocasións a mocidade con accións puntuais nas que reivindicaban o dereito a dispoñer dunha sala de estudo cun horario prolongado e cuns servizos axeitados”. Segundo o nacionalista, a única resposta do Partido Popular foi “enviarlles a policía local para desloxar ao estudantado alí concentrado”. Desde o BNG cremos que hai que apostar pola cultura e polo fomento da lectura e iso implica unha necesaria mellora da infraestrutura que hoxe temos.

“A biblioteca do concello é ten que ser un servizo cuxa finalidade sexa a de facilitarlle á cidadanía o exercicio do dereito á cultura e á información, polo tanto, debe ofrecer posibilidades para a dinamización, potenciación e democratización da cultura e lingua propias de Galiza” argumentou Vázquez. Neste sentido, son múltiples as actividades que tería que desenvolver para que funcionara como un verdadeiro centro de cultura que fomente, non só a lectura e a escritura, senón outro tipo de actividades dos diferentes eidos da cultura.

“No BNG consideramos que a contrución dun novo espazo propio para acoller a biblioteca; pois a actual tanto por situación, accesibilidade, espazo, non é a que Ribeira precisa, sería un foco de dinamización da vida social e cultural da cidade e sería tamén de grande utilidade para a veciñanza ao contribuír notablemente ao benestar das nosas veciñas e vecinos” concluíu Cobas.

Todos os grupos da Corporación Municipal apoiaron a proposta do Bloque a construcción dunha biblioteca que conte con todos os servizos necesarios como sala de lectura, sala de estudo, servizo de préstamo, ludoteca, sala dixital, sala de actos, etc.

O PP e concelleir@s do PBBI posiciónanse contra a lei e manteñen o topónimo deturpado “Riveira”:

O concelleiro Luís Pérez Barral fixo unha detallada argumentación sobre como o goberno do Concello de Ribeira vén incumprindo de maneira sistemática, durante décadas, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que fixa o marco para o uso oficial do galegoen diversos ámbitos, contén tamén a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega. No seu artigo 10 establece que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” e que “corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia”.
Do mesmo xeito, as institucións públicas deben aterse ao establecido no Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente coas entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG, 25/03/2003) onde se recolle que o nome do municipio é “Ribeira”.

En base ao anterior non parece adecuado nin lóxico e moito menos legal, que unha institución pública vulnere, conscientemente, a lei para deturpar a forma oficial e correcta de denominar este municipio. O goberno local gasta cartos públicos facendo letreiros e documentos poñendo “Riveira” aínda sabendo que é contrario ao que legalmente está estipulado.
É destacábel a única administración pública que incumpre esta norma sexa o propio concello e por riba de maneira consciente e con total desprezo á lingua galega e á lexislación. Este feito mostra con claridade como o equipo de goberno gasta cartos públicos para vulnerar as leis aplicábeis á toponimia e desatende os requirimentos de diferentes institucións, como a da Valedora do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que en reiteradas ocasións lle exixiron que non se deturpase a toponimia e se procedese a cumprir coa lexislación, sen que isto supuxese un cambio de actitude e moito menos, o cumprimento da legalidade.

Cómpre lembrar neste caso, que en marzo de 2016, a profesora da Universidade de Santiago, académica correspondente da Real Academia Galega (RAG) e membro do Comité Científico do Instituto da Lingua Galega (ILG) Ana Isabel Boullón Agrelo, emitiu un informe no que se conclúe:

“o paso de Ribeira a Riveira é un cambio gráfico ocorrido canda a castelanización da toponimia galega. O proceso de recuperación e dignificación dos nosos nomes de lugar leva consigo a adaptación ás normas xerais, o que ás veces se contradí cunha certa tradición gráfica que, neste caso, é unha consecuencia máis do estado de deturpación que os nosos nomes de lugar sufriron ó longo dos chamados “séculos escuros”. No caso de Ribeira, os criterios son claros. Se acaso sería necesario facer un labor pedagóxico de información ós vecinos da vila para saber cales son as razóns dun cambio que a eles lles pode parecer “de toda a vida” pero que en termos históricos é de antonte, e non se adecúa ás normas modernas do noso idioma. Outras razón presuntamente históricas poden caer cun exame minimamente rigoroso. Non cómpre pretender orixes nesta ou naquela familia nobre, cando están tan claros nesta vila que recibe o honroso nome de «a que está ó pé do mar»

En xuño de 2012 a Asociación de Onomástica Galega publicaban un artigo na súa web desmentindo “a falacia da forma Riveira” e que a día de hoxe se pode consultar en [http://ilg.usc.es/agon/archives/747/a-falacia-da-forma-riveira/] e nestoutra pódese comprobar a Asociación de Onomástica Galega e o Valedor do Pobo coinciden en que as institucións públicas e os seus representantes deben respectar os topónimos oficiais.

Tamén no mes de novembro de 2015 en nome do BNG Ribeira, fixen chegar unha queixa ante a Secretaría Xeral de Política Lingüística, ante o Concello de Ribeira e Portos de Galicia para que esta última entidade, rotulase a nova lonxa de Ribeira conforme á legalidade vixente. Petición aceptada e da que recibín resposta. Así e todo, adxúntolle unha imaxe na que se comproba que Portos de Galicia repuxo a legalidade e trocou “Riveira” pola forma correcta co b, aínda que de xeito chafalleiro.

A proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP e dun concelleiro do PBBI mentres que outra se abstivo. Os votos a favor de restituír o topónimo correcto foron de BNG, PSOE, SR e algún edís do PBBI.

Outros asuntos:

Depuradora de marisco de Castiñeiras: a proposta para que se negocie un emprazamento axeitdo para a instalación da depuradora e para evitar o deterioro do borde litoral. Aprobado cos votos a favor de BNG, PSOE, PBBI e SR, abstención do PP.

Conta xeral de 2018: Aprobado cos votos a favor de PP, abstención de PSOE e SR, en contra de BNG e PBBI

Cesión dun terreo para que AMBAR poida ampliar os seus terreos: Aprobado por unanimidade

Modificación puntual do PXOM para que os edificios públicos non teñan problemas de “retranqueo”. Aprobado por unanimidade

Rexeitamento da Corporación Municipal a que se depositen lodos preto da illa de Sálvora. Aprobado cos votos a favor de BNG, SR, PSOE, PBBI e contra do PP.

Proxecto de saneamento en Canabeiro. Aprobado por unanimidade

Realización dun estudo que detecte as persoas maiores que viven soas e ofrecer servizos axeitados ás súas necesidades. Aprobado por unanimidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.