O BNG demanda a construción dunha biblioteca nova en Ribeira

A biblioteca municipal é un servizo público de existencia obrigatoria especificada na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e malia isto, o Concello de Ribeira non conta cunhas instalacións axeitadas pois o espazo actual comparte espazo de lectura, aula para o estudo, sala de informática e espazo para celebración de actividades. Desde o BNG entenden que a falta de espazo para acoller diversas salas nas que dividir as súas actividades provoca serias molestias ás persoas que empregan este servizo público, ademais a súa localización enriba dun local con actividade musical tamén provoca ruído que molesta ás persoas usuarias.

Para o voceiro do Bloque, Xosé Vázquez Cobas, a veciñanza de “Ribeira precisa unhas mellores e máis modernas instalacións, así o demandou en diversas ocasións a mocidade con accións puntuais nas que reivindicaban o dereito a dispoñer dunha sala de estudo cun horario prolongado e cuns servizos axeitados”. Segundo o nacionalista, a única resposta do Partido Popular foi “enviarlles a policía local para desloxar ao estudantado alí concentrado”. Desde o BNG cren que hai que apostar pola cultura e polo fomento da lectura e iso implica unha necesaria mellora da infraestrutura que hoxe temos.

“A biblioteca do concello é ten queser un servizo cuxa finalidade sexa a de facilitarlle á cidadanía o exercicio do dereito á cultura e á información, polo tanto, debe ofrecer posibilidades para a dinamización, potenciación e democratización da cultura e lingua propias de Galiza” argumentou Vázquez. Neste sentido, son múltiples as actividades que tería que desenvolver para que funcionara como un verdadeiro centro de cultura que fomente, non só a lectura e a escritura, senón outro tipo de actividades dos diferentes eidos da cultura.

“Desde o grupo municipal do BNG cremos que a contrución dun novo espazo propio para acoller a biblioteca; pois a actual tanto por situación, accesibilidade, espazo, non é a que Ribeira precisa, sería un foco de dinamización da vida social e cultural da cidade e sería tamén de grande utilidade para a veciñanza ao contribuír notablemente ao benestar das nosas veciñas e vecinos” concluíu Cobas.

O BNG procurará o apoio dos grupos da Corporación Municipal para a construcción dunha biblioteca que conte con todos os servizos necesarios como sala de lectura, sala de estudo, servizo de préstamo, ludoteca, sala dixital, sala de actos, etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.