O BNG solicitará que o Concello esixa a Grupo Ferrín o cumprimento dos dereitos laborais

Desde o BNG  apoiamos a concentración convocada pola CIG e o persoal da empresa de transporte Ferrín, polo “acoso laboral que veñen padecendo ao longo do tempo.”

O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, amosoulle ao persoal e aos representantes sindicais o apoio do Bloque ás súas “xustas reivindicacións” e desexou unha “pronta solución do conflito laboral que hai aberto na empresa.” Segundo Vázquez Cobas, “o persoal da empresa non pode ser acosado e debe cobrar os cartos que se lle adebedan e o Concello tamén ten responsabilidade ao ter subscrito un convenio co Grupo Ferrín.”

O nacionalista non considera “lóxico que Ruiz Rivas mire para outro lado e fique de brazos cruzados ante as condenas que se lle poñen a Ferrín por delitos continuados contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras e por delito de desobediencia ás autoridades.” Cobas precisou que o BNG instará a que o Consistorio tome posición do lado do persoal e esixa o cumprimento da lexislación, “do contrario que se repense o convenio que hai subscrito coa empresa.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.