O BNG confírmalle á veciñanza de Castiñeiras que levará ao Parlamento as súas demandas pola depuradora de mariscos

A deputada Montse Prado interpelará á presidenta de Portos de Galiza e esixirá toda a documentación do proxecto

A casa da cultura de Castiñeiras acolleu este venres a asemblea aberta que houbo entre a veciñanza e o BNG para falar da polémica construción dunha depuradora de mariscos que se pretende facer na punta do Castro.

Os concelleiros Luís Pérez Barral, Xosé Vázquez Cobas e a deputada Montse Prado foron os encargados de ofrecerlle á veciñanza toda a información sobre os expedientes e os trámites que se foron dando desde o comezo até a actualidade. Neste sentido, Vázquez Cobas destacou que “no BNG levamos traballando meses a nivel municipal estudando os expedientes e esixindo que se cumprise coa normativa”. Tras unha revisión da documentación, os nacionalistas detectaran que a empresa carecía dos permisos municipais preceptivos, polo que a obra tivo que ser paralizada.

A deputada nacionalista expúxolle á veciñanza que o problema viña de vello cando o PP aprobou a lei de Portos de Galiza en 2017, coa oposición do Bloque, na que se abría a porta a asentar en terreos portuarios todo tipo de empresas aínda que non teñan nada que ver co sector marítimo. “Esa lei foi feita para favorecer a especulación e promover os intereses privados, pasando por riba de veciñanza e concellos” argumentou Prado.

Prado criticou a opacidade coa que actúa Portos, Costas e Concello de Ribeira ao non informar á veciñanza, mesmo permitindo ilegalidades e confirma que aproveitará a iniciativa parlamentar para saber se a obra conta coa declaración de impacto ambiental e transmitiralle o malestar veciñal.

Desde o BNG apoian as demandas veciñais e remarcan que non se trata de evitar que se asenten empresas que xeren riqueza no municipio, “quen diga iso do Bloque mente”, senón de procurar que se instalen en localizacións axeitadas para que provoquen a mínima afección ambiental e social.

Por último, as veciñas e veciños expresaron a súa preocupación e comprometéronse a seguir loitando para evitar que se estrague o litoral da parroquia e se produzan molestias propias do aumento do tráfico que esa industria vai ocasionar.

Imaxe de capa: Marcos Creo. La Voz de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.