Abren expediente sancionador contra Feijóo por infracción electoral nun mitin en Ribeira

Responde á denuncia do BNG contra o PP por pedir o voto de xeito expreso para o candidato municipal de Ribeira fora de campaña electoral

A Xunta Electoral Zona de Noia ven de comunicar ao BNG “a incoación dun expediente sancionador” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, e ao presidente provincial coruñés do PP, Diego Calvo, por vulnerar o artigo 53 da Lei orgánica de réxime electoral xeral (LOREX,) que impide a petición expresa do voto antes do inicio da campaña electoral, neste caso os comicios municipais do 26M.

O acordo da Xunta electoral, pendente de alegacións polos interesados, dítase en resposta á denuncia presentada polo BNG o 25 de marzo na que se poñía en coñecemento dese organismo a celebración dun acto público no Concello de Ribeira o 11 de marzo coa presenza do candidato local do PP, Manuel Ruíz Rivas, de Calvo e de Feixóo, no que se pediu o voto expreso para o actual rexedor o 26M.

Temos que meter a papeleta do Partido Popular“, afirma Diego Calvo (minuto 24:50). Ou “só hai unha maneira para que Manolo e o PP gobernen Ribeira, sabedes cal é? Votando Partido Popular”, recolle a denuncia do BNG documentada con un vídeo do acto.

Noutro momento do acto, vólvese pedir o voto para o candidato local, “pedimos claramente el voto cuando toquen las elecciones municipales” nunha intervención na que tamén se pedía o apoio para as xerais do 28A: “Yo vengo a pedir el voto aquí para Galicia, para la libertad, para la tolerancia, para España y vengo a pedir el voto para un español que se llama Pablo Casado y por eso os digo, vayamos a votar”.

A Xunta electoral da Zona de Noia considera “presuntamente responsables” a Diego Calvo e a Núñez Feixóo e sinala que a sanción por infracción do citado artigo 53 da LOREX oscila entre os 300 e os 600 euros, ademais de sinalar que teñen a opción de recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade aos efectos previstos no artigo 85 da Lei 39/2015.

Un ano máis volven saltarse a lei

O BNG denuncia que o PP está moi nervioso pola perda de poder que está afrontando e iso provoca que sexa capaz a vulnerar a lexislación vixente para manterse no poder. O PP ribeirense encabezado por Ruiz Rivas non é a primeira vez que incumpre a lexislación, pois o BNG xa presentara outra denuncia nas eleccións municipais do ano 2015 pola inauguración do Mercado Municipal do que lle puxeran unha orde de afastamento.

Desde o BNG rexeitan o comportamento dos dirixentes do Partido Popular que reiteradamente vulneran a lexislación electoral e desprezan as regras de xogo democrático. O voceiro nacionalista, Xosé Antonio Vázquez Cobas, di que fronte as trampas que o PP, o BNG será freo de trampas e ilegalidades que faga o Partido Popular. Vázquez Cobas “o Bloque estará vixiante ante as actuacións que faga o Partido Popular para evitar que siga vulnerando a lexislación electoral” concluíu.

Fotografía: La Voz de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.