Galiza Nova e BNG rexeitan a apoloxía do militarismo que promove PP e PSOE en Ribeira

Pérez Barral: PP e PSOE pretenden facer un lavado de cara dunha guerra provocada por intereses económicos

O BNG e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, mostran o seu rexeitamento “total e absoluto” ante a exposición “Misión: Afganistán” que promove o Concello de Ribeira e o Ministerio de Defensa. Desde as organizacións nacionalistas critican que as grandes potencias militares, subordinadas a intereses económicos do grande capital, están centradas na influencia en Oriente Medio, mesmo promovendo guerras interesadas por intereses económicos e provocando masacres á poboación civil que é a que sempre sufre as consecuencias.

O concelleiro Luís Pérez Barral, lembrou que no 2017 Estados Unidos lanzara sobre Afgansitán a maior bomba non nuclear, a chamada “The Mother of All Bombs”. “As agresións que os EUA e as súas forzas aliadas levan a cabo contra a soberanía dos pobos para eliminar ou substituír gobernos, non é algo que nos estrañe” expuxo Pérez Barral mais o que non se deber facer é promover “lavados de cara de guerras interesadas” como fai Ruiz Rivas coa colaboración do goberno socialista. Ambos gobernos despregaron preto de 20.000 soldados e un cento faleceu naquel país desde que decidiron participar da inxerencia.

Desde o BNG apuntan a que todos os conflitos bélicos veñen acompañados de operacións de manipulación mediática, de maneira que parezan aceptables e incluso lexítimos ante os ollos da chamada “opinión pública” como se fai con esta exposición. “Non temos máis que lembrar as campañas mediáticas que acompañaron as guerras en Iraq e Libia, co fin de ocultar os verdadeiros obxectivos de tales agresións, e mesmo as súas consecuencias reais” criticou o edil nacionalista.

Pérez Barral argumentou que o BNG é unha organización antimilitarista e pacifista polo que rexeita as invasións e os conflitos bélicos e que sempre se opuxo ao dispendio de gastar miles de millóns en armamento e que provocan mortes, sufrimento e éxodo da poboación civil inocente.

Tanto Galiza Nova como BNG remataron reafirmando o seu compromiso contra as guerras imperialistas, criticando a promoción do militarismo e da violencia que fai Ruiz Rivas co apoio do PSOE coa expoisición “Misión: Afganistán”. O BNG sempre estará no lado da defensa da liberdade dos pobos do mundo, do diálogo e da paz, polo que esixe que o Concello de Ribeira retire a exposición e renuncie a albergar en instalacións municipais exposicións, actos e actividades que exalcen o militarismo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *