Ruiz Rivas permite a ilegalidade de obrar sen licenza municipal no porto de Castiñeiras

Vázquez Cobas anuncia que o BNG tramita unha iniciativa parlamentaria

O grupo municipal nacionalista volveu interesarse pola obra que se está a realizar no porto de Castiñeiras para construír unha depuradora de marisco. Os concelleiros Xosé Vázquez e Luís Pérez xa contactaran, semanas atrás, con veciños e veciñas que lles trasmitían o seu malestar pola falta de información e a preocupación pola realización desta obra no borde litoral.

Ruiz Rivas desatende as súas obrigas
O BNG interesábase en xaneiro pola a obra en cuestión e, a pesar de que a obra está a se realizar nunha concesión de Portos de Galiza, esta actuación precisaría da preceptiva licenza municipal. As investigacións iniciadas polo BNG permitiron descubrir que a empresa carece aínda hoxe desa licenza municipal que lle permita actuar nesa zona.

Para o voceiro nacionalista Xosé Vázquez “o Partido Popular está deixando que se cometan graves irregularidades ao permitir obrar sen as autorizacións pertinentes”. Este feito, denuncian desde o Bloque, “é un acto de suma irresponsabilidade e unha total deixación de funcións” pois “Ruiz Rivas está permitindo a continuidade dunha obra que carece dos preceptivos permisos”, “permite unha ilegalidade manifesta” conclúe Vázquez Cobas.

O nacionalista tamén denuncia a irresponsabilidade na actuación de Portos de Galiza por “non velar polo cumprimento da legalidade” e permitir que unha empresa poida comezar unha obra sen cumprir coa lexislación vixente.

Por todas as circunstancias e ante a preocupación manifesta da veciñanza de Castiñeiras e, tras obter a información precisa sobre o asunto, o BNG presentou unha iniciativa no Parlamento de Galiza para exixirlle aos responsábeis de Portos de Galiza explicacións ao respecto. Ademais, desde o BNG imos instar ao executivo local a que se paralice a obra pois, “ninguén pode obrar sen permiso nin licenza” e acusan ao Partido Popular de “mirar para outro lado por tratarse dunha empresa”.

Neste intre, o BNG continúa traballando para investigar as posibles responsabilidades de Ruiz Rivas como máximo responsábel de urbanismo, que por feito ou por omisión continúa permitindo esta actuación irregular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *