O BNG presenta unha candidatura “para gobernar Ribeira con ideas claras”

Xosé Antonio Vázquez Cobas liderará un equipo para traballar por unha Ribeira accesíbel, xusta, verde e con emprego

Ribeira, 6 de abril de 2019. Nun ateigado Mercado Municipal, o BNG ribeirense presentou a candidatura encabezada por Xosé Vázquez Cobas coa que, aseguran, liderará un cambio político en Ribeira. O acto contou coa participación da deputada responsábel de benestar na Deputación da Coruña, Ánxela Franco, e co alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños.

O BNG é aval de políticas que dan froitos

Ánxela Franco, puxo en valor a claridade e o traballo feito polo BNG ao longo destes anos, que estivo “ao pé do canón” axudando á veciñanza sempre que fixo falta. A experiencia do candidato, asegurou a sonense, devolveralle a voz á xente de Ribeira e das parroquias, transformando Ribeira nun concello do que todas as persoas se sintan orgullosas. Para iso aclarou que o BNG é quen de solucionar as necesidades básicas das persoas.

Pola súa banda, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, puxo en valor o traballo dos nacionalistas en concellos galegos que agora son referentes a nivel mundial, tanto como modelos de cidade como de políticas sociais que transforman verdadeiramente a sociedade, e que buscan unicamente o beneficio da veciñanza, como é a posta en marcha de vivenda social emprendida polo executivo rianxeiro.

Un BNG plural, en alza e con proxecto definido

Vázquez avalou a cohesión e a fortaleza do BNG sendo o primeiro partido que presenta a candidatura e as liñas xerais de goberno. “Estamos en condicións óptimas de poder liderar un novo goberno transformador e dialogante que rache con 30 anos de involución, improvisacións e soberbias. Un goberno do BNG devolveralle a voz á veciñanza”. Cobas declarou que o BNG ten as portas abertas a todas aquelas veciñas e veciños que queren pór fin a un goberno esgotado e que desexan construír unha Ribeira con emprego, accesíbel, xusta, verde e onde as parroquias teñan voz. O dirixente nacionalista agradeceu e destacou o valor das persoas independentes que se incorporan na candidatura, que son mostra da corrente de simpatía á alza que está a recibir o BNG.

O candidato á alcaldía asegurou que o Bloque ten proxecto claro e un equipo cohesionado, en contraste cun PP sen ideas e cada vez máis dividido que actúa a golpe de improvisación. “Un exemplo é Hesta Kurba; mercárona por 100.000€ para ser auditorio, logo sede da protección civil, instalacións da UAD e agora pretenden regalarlla a unha empresa para que faga unha residencia privada”, explicou Cobas.

Tamén denunciou a parálise na que o Partido Popular sumiu o concello ao non executar 8 millóns de euros do Ribeira Atlántica ou a prepotencia ao actuar sen escoitar a xente facendo proxectos que non contan con apoio social, como é a obra do Malecón.

Vázquez Cobas acusou o goberno dos populares de provocar un estatismo económico e social, “non se creou nin un metro cadrado de chan industrial e todas sabemos que os comercios que pecharon, por decisións contra o comercio local como a designación dos festivos ou a falta de medidas apoio do concello, non son poucos. A nosa prioridade absoluta será a creación de emprego estable no concello”.

Unha Ribeira accesíbel, xusta, verde, con emprego e onde as parroquias conten”

Nun acto co que a formación nacionalista dá comezo aos seus traballos na carreira electoral, Vázquez Cobas tamén esbozou as liñas xerais do proxecto que o BNG ten para transformar Ribeira.

Accesíbel porque se demostrou que os proxectos do BNG son positivos como é a posta en marcha do plan de transporte público. “É de destacar que os únicos proxectos exitosos que se fixeron nestes catro anos foron propostas do Bloque” argumentou Cobas.

Xusta porque se promoverán as políticas de igualdade, conciliación con puntos de atención á infancia e traballarán pola creación dunha residencia 100% pública. Será verde e ben coidada porque promoverán o aumento das zonas verdes e haberá un orzamento anual para mantemento de equipamentos e mobiliario, anuncian tamén a creación dun parque infantil cuberto.

Finalmente será unha Ribeira con emprego con políticas de mellora de estacionamentos gratuítos para beneficiar a comercio e hostalaría, alugueiro de baixos comerciais, bolsas para investigadores e aposta clara pola creación de chan industrial para evitar a fuga de máis empresas. Con respecto ao sector do mar, este colectivo terá no BNG un goberno firme que defenderá os seus intereses alí onde sexa preciso.

O candidato á alcaldía de Ribeira concluíu a exposición do programa de goberno explicando que se o BNG lidera un goberno haberá unha revitalización das parroquias fomentando a actividade deportiva, cultural e o mantemento de infraestruturas parroquiais: “as parroquias terán a voz que merecen, non queremos veciños de segunda”.

 

Candidatura do BNG ás eleccións municipais de 2019

1. Xosé Antonio Vázquez Cobas
2. Luís Antonio Pérez Barral
3. Mª Cruz Rivadulla Márquez
4. Fátima El Gargari Sampedro [independente]
5. Daniel Couto Argibay
6. Silvia Varela Rodríguez
7. Alexandre Ríos Batista
8. Elvira Blanco Pérez
9. Francisco Regueira Somoza [independente]
10. Rosana Pérez Moares [independente]
11. Carlos Lixó Gómez
12. María Gutiérrez Barral
13. Alberte Paz Calo
14. Teresa Prol Castro
15. Vicente Paz Carou
16. Vanesa Casais Rivas [independente]
17. Joel Crujeiras Ces
18. Marta Varela Rodríguez
19. Xabier Vidal Peón
20. Mº do Pilar Sampedro Laranga
21. Xaquín Maño Sanmiguel
Suplentes
22. Isabel Sampedro Romay [independente]
23. Domingo Casais Gude [independente]
24. Dores Vidal Peón
25. Federico Real Alonso
26. Ánxela Suarez Millán [independente]
27. Xosé Antón Parada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *