A atención á dependencia centra o pleno de Ribeira

No pleno tamén se aprobou finalizar o Centro Social de Carreira tras anos de parálise pola inoperancia do equipo de Ruiz Rivas

Resumo dos asuntos tratados no pleno ordinario do mes de marzo:

Inicio expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar: o Concello de Ribeira sacará a licitación o servizo de axuda no fogar que presta desde o departamento de Servizos Sociais por un importe de algo máis dun millón de euros, por prazo dun ano e prorrogábel até un máximo de cinco. O concelleiro nacionalista, Luís Pérez Barral, defendeu a necesidade de camiñar cara á municipalización deste servizo. Malia todo, o prego de condicións proposto pola área de Servizos Sociais é correcto mais desde o Bloque propúxose incluír cláusulas sociais nas que se lle esixa á empresa concesionaria garantías como melloras nas condicións laborais ou salariais, sobre todo nun sector no que maioritariamente traballan mulleres. Por outra banda, o Concello de Ribeira entrará no programa Xantar na casa posto en marcha cando o BNG tiña responsabilidade de goberno na Xunta de Galiza. Pérez Barral dixo que as políticas feitas polo Bloque son positivas como se comproba e congratulouse de que o PP por fin vaia entrar nun programa que beneficiará ás persoas maiores do municipio. Aprobado por unanimidade

Rebaixa na taxa do servizo de recollida de lixo: o Concello de Ribeira rebaixará en aproximadamente catro euros o recibo de recollida de lixo. Esta medida está impulsada por Sogama, pois os concellos que desexen abaratar un 10% o custo de enviar os residuos á planta incineradora, deben repercutir a baixada na veciñanza. Este punto foi aprobado por unanimidade. Desde o BNG votamos a favor por supoñer unha rebaixa no recibo para os veciños e veciñas, mais somos moi críticos co modelo insostíbel de Sogama no que apenas se recicla (3,3% do lixo recibido en 2015), a maioría dos residuos se queiman producindo máis contaminación e aqueles que non se queiman van para un macrovertedoiro. Desde o Bloque defendemos e seguimos traballando para apostar pola compostaxe, a redución, reutilización e reciclaxe de resiudos como xa fan moitos concellos gobernados polo BNG con grande éxito.

Creación dunha planta de transferencia de residuos en Ribeira: o Concello de Ribeira aprobou con 16 votos a favor e a abstención do BNG construír unha planta na que depositar os residuos antes de envialos a Sogama. Desde o Bloque cremos que debemos promover a compostaxe dos residuos pois conlevaría beneficio ambiental ao xerar compost e económico ao reducir o recibo do que se lle paga a Sogama por queimar o lixo. O modeo Sogama apenas recicla, queima a maior parte do lixo que recibe producindo máis contaminación e aquel que non se queima vai parar a un macrovertedoiro. No Bloque continuamos traballando para apostar pola compostaxe, a redución, reutilización e reciclaxe de resiudos como xa fan moitos concellos gobernados polo BNG con grande éxito.

Revisión canon anual servizo iluminación pública: o Concello de Ribeira aprobou o pagamento de 856.724€ a Ferrovial polo servizo prestado na anualidade de 2018. O voceiro nacionalista Xosé Vázquez Cobas, esixiulle ao señor Ruiz Rivas que faga cumprir con todas as condicións do contrato e se lle esixa á empresa maior dilixencia na solución de avarías e posíbeis problemas.

Aprobado cos votos a favor de PP, BNG, PSOE, C’s, 1 edil non adscrita e abstención de IPR e 1 edil non adscrito

Remate do Centro Social de Carreira: esta decisión foi aprobada por unanimidade, dando resposta así a unha demanda social da veciñanza de Carreira. Cómpre lembrar que a obra iniciouse no 2012-2013 e a día de hoxe o PP foi incapaz de rematala. 

O BNG ao longo dos anos ten recriminado a parálise e incapacidade de Ruiz Rivas mais tamén ten traballado arreo, presentando diversas iniciativas nas que se esixía o remate deste equipamento público para abrilo para uso e desfrute das veciñas e veciños. Agardemos que sexa a derradeira e por fin se poida abrir ao público.

Dotación de céspede artificial e novo sistema de rego na Fieiteira. Aprobado por unanimidade

Realizar melloras no firme de Rosalía de Castro mentres non se realice a obra de ampliación de beirarrúas. Aprobado por unanimidade

Redacción dun proxecto de itinerario peonil entre o núcleo da Graña e a punta da Graña e mellorar o camiño entre Xunqueiro e o miradoiro de Couso. Aprobado por unanimidade

Dotar de beirarrúas un tramo de estrada en Laxes. Aprobado por unanimidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *