O BNG advirte do grave deterioro das estradas no municipio

Vázquez Cobas asegurou que o PP non ten proxecto e Ruiz xa renunciou a gobernar

O mantemento nas infraestruturas e equipamentos de Ribeira como son o mobiliario urbano, os parques e xardíns “brilla pola súa ausencia”, mais as estradas e os aparcadoiros merecen un capítulo aparte polo seu avanzado deterioro polo perigo que supoñen para a seguridade viaria.

No BNG denunciaban hai un mes e medio que o PP está provocando a parálise do Concello de Ribeira. A falta de proxecto fai que as infraestruturas e equipamentos do municipio estean en condicións lamentables e mesmo perigosas para vehículos e, de maneira especial, para as motocicletas.
Os nacionalistas cren que esta circunstancia está motivada pola división interna do Partido Popular e por centrar o seu tempo en cuestións tan polémicas como instalar letreiros ilegais co topónimo deturpado de Ribeira.

O BNG notificou problemas en viais de titularidade municipal en moitas parroquias; nos Mosqueiros (Castiñeiras), en Balteiro (Oleiros), Sego (Artes), Delicias (Corrubedo), etc. mais Xosé Vázquez Cobas, puxo novamente como exemplo da inoperancia o estado do firme do Malecón, con fochancas nas que “facilmente se pode pinchar unha roda e son un auténtico perigo para motoristas”.

Cobas expuxo “que a pesar das obras non se pode ter unha estrada pola que pasan centos de veciños diariamente, con pasos de peóns sen pintar e cun deterioro tan perigoso con zonas de asfalto, cemento e terra. Hai que actuar”. O voceiro nacionalista recordou que o Bloque ten presentado propostas destinadas a mellorar o firme desta arteria da cidade sen que polo momento as administracións gobernadas polo Partido Popular, Portos e Concello teñan feito nada malia estaren aprobadas as iniciativas propostas polos nacionalistas.

O voceiro dixo que o BNG non vai ficar de brazos cruzados ante a parálise e a renuncia de Ruiz a gobernar, polo que asegurou que rexistrará iniciativas para que se amañen de xeito inmediato o firme de estradas do municipio que teñen un deterioro moi avanzado, aínda que sexa de maneira provisional.

Vázquez Cobas mándalle unha mensaxe á veciñanza para que envíen ao whatsapp do BNG as demandas que consideren necesarias para que poidan buscarse solucións. Concluiu dicindo que se en maio o Bloque ten responsabilidade de goberno, mellorará o mantemento dos viais porque “no BNG apostamos por unha Ribeira ben coidada”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *