O BNG traballará para a aumentar os medios para a prevención de drogas e adicións

Os nacionalistas queren que se leven adiante programas de prevención e se melloren as condicións laborais do persoal

A deputada responsábel da área de benestar e igualdade da Deputación da Coruña realizou hoxe unha visita á Unidade de Atención a Drogodependentes (UAD) en Ribeira acompañada dos voceiro do BNG en Ribeira e A Pobra do Caramiñal, Xosé Vázquez Cobas e Ramiro Ouviña e a concelleira Pilar Sampedro.

Os nacionalistas realizaron cos profesionais que alí traballan un percorrido polas instalacións da UAD para coñecer de maneira detallada dos medios dispoñíbeis para realizar o seu labor. Alén de coñecer o edificio, aproveitaron para manter unha xuntanza co persoal do centro co fin de coñecer de primeira man os casos que están tratando actualmente e os problemas que se atopan na comarca relacionados con drogas e adicións.

O responsábel da UAD, Jesús Cartelle, agradeceu a visita e a implicación do Bloque con este tema porque “volve haber un repuntamento no consumo de drogas, mesmo nas intravenosas como a heroína”. Cartelle falou da necesidade de involucrar a sociedade no seu conxunto para concienciar sobre os problemas asociados ao consumo de substancias aditivas.

Pola súa banda o voceiro do BNG ribeirense, Xosé Vázquez Cobas, declarou que se fai necesario aumentar os fondos económicos como materiais da UAD, pois están facendo un magnífico traballo social cuns recursos e instalacións precarias”. Vázquez anunciou dous compromisos do BNG; por un lado o fomento de políticas sociais de atención a persoas con problemas de drogadicción e adicións, polo que traballará para levar adiante “un ambicioso programa de prevención especialmente entre a mocidade”. O segundo dos compromisos é co cadro de persoal, “a stiuación laboral debe garantir o seu mantemento e dignificación destes profesionais, pois as condicións que teñen na actualidade non son axeitadas” asegurou Cobas.

A responsábel de igualdade e benestar da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, aproveitou a visita para facer entrega dun lote de material ao centro asistencial. Franco detallou as liñas de axudas ás que poderían optar co fin de mellorar os medios materiais cos que traballan. A deputada provincial abreu a porta a estudar fórmulas de colaboración coa UAD de Ribeira pois “o goberno da Deputación está concienciado con este problema e non escatimará recursos para a prevención da drogadicción”. Franco concluíu remarcando a importancia de traballar a medio prazo en medidas preventivas e de concienciación contra o consumo de substancias aditivas “pois é na prevención onde realmente hai que incidir se queremos rematar co problema”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.