O paseo marítimo de Palmeira lembrará por sempre a Plácido Betanzos

O Pleno acorda nomear o paseo de Palmeira co nome de Plácido Betanzos

Plácido Betanzos ficará nos nosos corazóns, o paseo de Palmeira levará o seu nome: o falecemento de Plácido Betanzos chegou de súpeto, deixando un oco imposíbel de encher, mais non nos deixa de todo pois o seu legado permanece e perdurará. Foi un nacionalista convencido que soubo defender os seus veciños e veciñas respectando as ideas e a pluralidade dos demais. As persoas que coñeceron e compartiron vida con Plácido, sabedes que foi sempre unha persoa afábel, alegre, optimista e loitadora que traballaba e daba sen agardar nada a cambio.

A responsabilidade social deste benquerido palmeirense, levouno a ser profesor en varios instituos até que se xubila no IES Leliadoura. Tamén foi un dos referentes do nacionalismo na nosa localidade, sendo concelleiro do BNG entre os anos 1992 e 2002 e candidato a alcaldía de Ribeira nos anos 1995 e 1999.

O seu compromiso para mellorar a sociedade tamén se canalizou mediante a escrita tratando temas como o drama da emigración na comarca da Barbanza nos primeiros anos do século XX en New York ou sobre a violencia machista cun libro titulado Bágoas na chuvia.

No día de onte, a Corporación Municipal de Ribeira aprobaba por ampla maioría nomear o paseo de Palmeira co nome de Plácido Betanzos en honra e homenaxe deste palmeirense ilustre, un galego bo e xeneroso que será sempre lembrado.

Este feito foi posíbel polo amplísimo apoio social da man de ducias de colectivos e de centos de persoas que expresaron a necesidade de levar adiante esta proposta. Desde o BNG dámoslle os parabéns e as grazas á Comisión na Memoria de Plácido Betanzos García así como a todos os colectivos, asociacións, clubes, anpas e persoas que apoiastes este xusto recoñecemento.

Ademais de nomear o paseo marítimo, haberá unha figura que o lembrará por sempre. As compañeiras e compañeiros do Bloque levaremos o seu exemplo sempre presente e cremos certamente que toda a sociedade ribeirense tamén aprenderá dos seus feitos. Plácido Betanzos é exemplo de bo e xeneroso que ficará na nosa memoria.

Proposta completa aprobada: O paseo marítimo de Palmeira lembrará por sempre a Plácido Betanzos
Corenta e tres colectivos que apoiaron o recoñecemento até a súa aprobación. A incorporación de máis segue aberta até que se instale a escultura.

Aprobado con dezanove votos a favor de BNG, PP, PSOE, C’s, 3 edís non adscritas/os e dúas abstención de IPR


 

 

 

 

 

- Iniciativa do BNG para demandar mellor acceso a praias e promoción do bus no verán: Ribeira é un concello privilexiado, pois dispón no seu territorio de areais dunha beleza inigualábel. Non sorprende, así, que moitas delas sexan frecuentadas, especialmente na época estival, tanto por veciñas e veciños do noso concello como por numerosos visitantes.

O elevado número de usuarios nas nosas praias xuntouse coas medidas proteccionistas aplicadas nos últimos anos por parte das autoridades competentes, relativas á circulación e estacionamento de vehículos de motor nas inmediacións dos areais, para crear un problema á hora de acceder a estes espazos tan emblemáticos ademais do prexuízo ambiental que iso ocasiona.

Falamos especialmente da masificación de vehículos que se dá, por exemplo, nas praias do Vilar e A Ladeira, nas que estacionar un vehículo é misión imposíbel” abocando á ocupación de espazos non habilitados segundo informaron a concelleira Elvira Blanco Pérez. No verán poden verse numerosos coches aparcados en beirarrúas e beiravías xerando problemas de circulación e seguridade viaria sendo salientábel o caso da estrada CP-7302 ao seu paso pola praia do Vilar.

Desde o BNG seguiremos traballando en temas de mobilidade e proporán que, nos meses de verán se promova o uso do transporte público para que veciñanza e visitantes empreguen o autobús para acudir aos areais.

Blanco Pérez comentou que “as propostas do Bloque traen beneficio social e así o demostra a rebaixa no prezo do autobús”, proposta que partiu do BNG tras defendela durante anos.

Coa aprobación da proposta o Concello de Ribeira, pedirá á empresa de transportes mellorar en frecuencia e ruta as liñas de autobús que pasan polas praias (Aguiño, Corrubedo, Palmeira), e intentará crear unha liña que vaia ata a praia do Vilar, especialmente nas fins de semana e en días festivos.

Aprobado por unanimidade

- Iniciativa do BNG para demandar a instalación dunha varanda na zona do Castro en Castiñeiras: o voceiro Xosé Vázquez Cobas, expuxo que no acceso ao parque do Castro é preciso colocar unha varanda para evitar que calquera persoa poida sufrir un accidente precipitándose ao oco que hai entre o parque e as instalacións portuarias.

- Iniciativa do BNG para demandar a conservación da fábrica de salgadura en Castiñeiras: Vázquez Cobas, salientou que esta edificación posúe un valor patrimonial evidente que merece ser conservado. O portavoz nacionalista defendu a necesidade de actuar neste edificio para conservalo, nomeadamente a súa fachada azulexada e poñelo en valor.

- Iniciativa do BNG para soterrar o cableado nos paseos e borde litoral: Nas próximas actuacións de iluminación da fachada marítima e dos paseos do noso concello faise necesario que, alí onde sexa posíbel, o cableado aéreo sexa substituído polo soterramento das liñas. Deste xeito, aínda que é máis custoso, ten menos avarías e é moito máis respectuoso co medio natural. A longo prazo compensa e a beleza do noso litoral o merece. Esta proposta foi ben acollida.

- Iniciativa do BNG para que se actúe nas palmeiras infectadas coa praga do picudo: a concelleira Pilar Sampedro Laranga defendeu que a praga está presente no municipio e afecta a numerosas palmeiras. O insecto devora o interior do tronco ata debilitalas e provocándolles a morte. Para a concelleira Pilar Sampedro Laranga é un auténtico perigo se non se actúa nas palmeiras enfermas. Sampedro informa que na parroquia de Palmeira, hai varias xa localizadas e que corren o risco de derrubarse como xa ocurriu en outras zonas próximas a este concello como por exemplo patio traseiro do edificio do Concello da Pobra do Caramiñal.

Ante esta situación, a edil nacionalista critica a parálise de Ruiz Rivas pois non están facendo nada para previr os riscos derivados da praga que mata as palmeiras. Sampedro advirte do perigo que supón para viandantes e animais deixar en pé unha palmeira enferma.

Ante a iniciativa o Concello de Ribeira anunciou que fará revisións periódicas ás palmeiras públicas do municipio e que aplicará o tratamento axeitado co fin de minimizar os riscos de infección.

  – Iniciativa de BNG-PSdeG para demandar da Xunta un reparto obxectivo dos fondos: os grupos municipais de BNG e PSdeG rexistraron unha iniciativa para demandar que a Xunta empregue criterios obxectivos no reparto dos fondos, tal e como fai a Deputación da Coruña gobernada por PSdeG e BNG. Actualmente a Xunta emprega os seus recursos económicos para primar a concellos gobernados polo Partido Popular en detrimento doutros, algo que é inxusto e que prexudica a unha parte da poboación. Cada concello ten as súas circunstancias e prioridades, e deberiamos contar cun financiamento axeitado, onde se permita aos concellos decidir en que se invisten os fondos, e non depender dun reparto de fondos discrecional. O Plán Único da Deputación demostrou ser un instrumento útil para que os concellos afronten as súas necesidades concretas e mellorou e simplificou os trámites e conseguiuse facer un reparto máis equitativo dos fondos. Velaí unhas cifras:

Co PP:
A) Asignación a concellos 68,492,783.39 €
B) Subvencións concorrencia: 23,085,130.05 €

C) Subvencións nominativas: 91,577,913.44 €
D) Rede cultural: 1,389,107.92 € 
Co PSdeG-BNG:
A) Asignación a concellos: 155,468,302.46 €
B) Subvencións concorrencia: 30,401,152.19 €
C) Subvencións nominativas: 14,153,684.23 €
D) Rede cultural: 2,317,572.55 €

Xa que logo, as cifras e feitos demostran que esta proposta permitiría aos concellos dispoñer de máis autonomía e máis fondos cun reparto igualitario. Malia demostrar que é un mellor reparto para a administración local a proposta foi rexeitada cos votos en contra de PP e C’s, as abstencións de IPR e edís non adscritos/as e os votos a favor de BNG e PSOE

- Outros asuntos:

Nomeamento da sede de protección civil co nome de Manuel Dieste Mos que foi concelleiro do PP, presidente do Atlético Ribeira ou fundador da Agrupación de Voluntariado da Protección Civil. Aprobado cos votos a favor de PP, PSOE, C’s, 3 edís non adscritas/os, 1 edil de IPR. Abstención de BNG e 1 edil e IPR.

Toma posesión David Fernández como concelleiro do Partido Popular trala crise de goberno ao dimitir Herminia Pouso.

Inicio expediente extición do matadoiro municipal. A Corporación aprobou por 19 votos a favor e 2 abstencións (non adscritos/as) comezar os trámites para desfacerse da propiedade de matadoiro por non ser unha competencia propia dunha administración local.

Bonificación canon de lixo. O Concello de Ribeira rebaixará lixeiramente o recibo do lixo para optar á redución no custe de enviar os residuos a SOGAMA. Aprobado por unanimidade.

Remodelación estrada xeral Palmeira. Compromiso de cofinanciación entre Concello de Ribeira e a Xunta da posíbel remodelación da estrada xeral de Palmeira, é un formalismo mais non hai nada pechado. Votos a favor de PP, BNG, PSOE, IPR, abstención de 3 edís non adscritos/as e contra de C’s.

Aprobado demandar ao Goberno do Estado maior dotación de axentes da policía para garantir a seguridade así como o estudo para que a comarca da Barbanza teña conexión ferroviaria.

Iniciativa do BNG para que se limpen as beirarrúas en Olveira concretamente na zona do antigo Sol y Mar e antes do desvío de Espiñeirido.

Aprobado por unanimidade a realización de melloras do firme e/ou saneamento das rúa Romero Ortiz en Ribeira, Cobasa, Vicanso e Falcoeiro en Aguiño.

Aprobado por unanimidade conceder as seguintes subvencións nominativas: Fondo Galego de Solidariedade (2.000€), Centro Recreativo Artes (14.000€), Museo do Gravado (45.000€), Renacer (3.000€), AMBAR (3.000€), AMICOS (3.000€), A Creba (3.000€), Faiben (3.000€), Fundación Amigos de Galiza (5.000€), Confraría da Dorna (31.000€), Club Náutico Ribeira (2.500€), Asoc. Lajareu (2.000€), Federación Libreiros Galiza (6.000€), Fundación Ruta Xacobea (601€), Arousa Norte (55.000€), Fundación Galega contra o Narcotráfico (2.500€), Asoc. Empresarial de Ribeira (5.000€), Agallas Film (20.000€), Internacional Trekkers (8.000€), Asoc. Corrubedo XI Séculos (10.000€), Cáritas (12.000€), FEMP (2.000€), FEGAMP (2.000€), GAC (1.000€), Eixo Atlántico (12.000€), DELOA (1.200€).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.