O BNG denuncia o deficiente estado das estradas e dos aparcadoiros

Vázquez Cobas: o BNG traballará para mellorar o mantemento e facilitar alternativas de estacionamento

O mantemento nas infraestruturas e equipamentos de Ribeira como son o mobiliario urbano, os parques e xardíns “brilla pola súa ausencia” mais as estradas e os aparcadoiros merece un capítulo aparte polo seu avanzado deterioro.

Desde o BNG critican a “parálise” do Concello de Ribeira está provocando que as infraestruturas e equipamentos do municipio estean en condicións lamentables. Os nacionalistas achacan esta circunstancia á división interna do Partido Popular, pois “están máis ocupados en resolver problemas internos e a ruptura do seu partido que en atender as demandas veciñais”.

O BNG ten rexistrado problemas en moitas parroquias, nos Mosqueiros (Castiñeiras), en Balteiro (Oleiros), Sego (Artes), Delicias (Corrubedo), etc. mais Xosé Vázquez Cobas, puxo como exemplo da inoperancia o estado do firme do Malecón, con fochancas nas que “facilmente se pode pinchar unha roda e son un auténtico perigo para motoristas”. Para Cobas “que se estean a facer obras non é motivo para que unha estrada pola que pasan centos de veciños diariamente presente un deterioro tan perigoso. Hai que actuar”. O voceiro nacionalista recordou que o Bloque ten presentado propostas destinadas a mellorar o firme desta arteria da cidade sen que polo momento, nin Portos nin Concello teñan feito nada malia estaren aprobadas.

Vázquez Cobas referiuse tamén aos “mal chamados aparcadoiros disuasorios, pois máis que aparcadoiros parecen leiras cheas de maleza, fochancas e lixo”. Desde o BNG cren que non é normal que os veciños e veciñas teñan que circular por estradas que deixan moito que desexar e por riba aparcar en lugares que non están ben acondicionados, con iluminación, cun bo firme e cun mínimo de limpeza.

Ante esta situación o BNG toma a iniciativa e presentará dúas propostas, unha referida ao firme de estradas do municipio que teñen un deterioro moi avanzado para que se actúe no firme e outra destinada a mellorar os aparcadoiros do centro urbano.

O BNG apostará polo mantemento

Vázquez Cobas concluíu enviándolle unha mensaxe á veciñanza de Ribeira para dicirlle que a partir de maio se o Bloque ten responsabilidade de goberno, mellorará o mantemento e traballará sen descanso para remunicipalizar o aparcadoiro do Centenario para ofrecelo a tarifas reducidas e con bonificacións para as persoas que merquen no comercio local.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.