O BNG denuncia “a grave irregularidade” de que Ruiz permita obrar sen licenza municipal

Vázquez Cobas critica que o alcalde ribeirense mire para outro lado ante irregularidades tan graves como iniciar obras sen licenza

O grupo municipal nacionalista estivo en contacto con veciñanza de Castiñeiras ante a inquedanza que espertou entre a poboación a obra que se está a realizar no porto da parroquia para construír unha depuradora de marisco. Os concelleiros Xosé Vázquez e Luís Pérez falaron con veciños e veciñas que lles trasladaron o seu malestar pola falta de información e a preocupación pola realización desta obra no borde litoral.

Os problemas do PP pasan factura na xestión municipal
Ante estes feitos, o BNG interesouse pola cuestión e indagou se a obra en cuestión, tiña a preceptiva licenza municipal a pesar de que sexa unha concesión de Portos de Galiza. Para o voceiro nacionalista Xosé Vázquez “o Partido Popular está deixando que se cometan graves irregularidades ao permitir obrar sen as autorizacións pertinentes”. Este feito provoca dúas incertezas nos nacionalistas que explican “ou ben Ruiz Rivas está permitindo unha irregularidade manifesta ou está tan absorto nos problemas internos do PP que é incapaz de atender o concelloámbalas dúas “son cousas de extrema gravidade”conclúe Vázquez Cobas.

Pola súa banda o concelleiro Luís Pérez, denunciou tamén a responsabilidade na actuación de Portos de Galiza por “non velar polo cumprimento da legalidade” e permitir que unha empresa poida comezar unha obra sen cumprir coa lexislación vixente.

Por todas as circunstancias e ante a preocupación manifesta da veciñanza de Castiñeiras e, tras obter a información precisa sobre o asunto, o BNG soubo que a empresa non tiña a licenza municipal para comezar coas obras. Este feito fixo que desde o Bloque se pedise, hai uns días, a paralización de maneira temporal a obra até que non obteña a preceptiva licenza municipal.

Neste intre, o BNG continúa traballando para investigar as posibles responsabilidades de Ruiz Rivas como máximo responsábel de urbanismo, que por feito ou por omisión permitiu esta actuación. Neste sentido, desde o Bloque van realizarse unha serie de preguntas e iniciativas na liña de esclarecer que aconteceu para que supostamente ninguén se dese conta de que se facía unha obra de tal envergadura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *