Ribeira aproba crear a escola de remo e fará a sede en Aguiño

Resumo do pleno do mes de novembro de 2018

- Iniciativa do BNG para demandar fondos para loitar contra a violencia machista: O 2018 ten sido un ano importante para o feminismo, que foi quen de mobilizar cun éxito histórico unha folga nos ámbitos laborais, de consumo e de coidados o pasado 8 de marzo, argumentou a concelleira Elvira Blanco.

A vixencia da desigualdade, que ten a súa evidencia máis salvaxe nas violencias machistas contra as mulleres, debe comprometer ás institucións a destinar maiores recursos económicos, humanos e materiais para tal fin e situar o seu combate como un mandato de primeira orde os 365 días do ano.

A representante do BNG expuxo que durante o 2018 evidenciáronse as moitas carencias que ten aínda unha xustiza tremendamente patriarcal. Casos como o da Manada desataron a nosa rabia e a contestación social, non só con importantes manifestacións no noso país, tamén coa repulsa de concellos e institucións de diversas cores políticas. Porén, a rabia non pode ficar nunha cuestión declarativa. Debemos pensar colectivamente nas melloras que precisa un ámbito tan elemental como o da xustiza.

Aínda sendo fundamental o papel que tiveron a lei estatal de violencia do 2004 e a galega do 2007, a ninguén se lle escapa que quedan moitas lagoas no seu cumprimento e desenvolvemento. Un dos ámbitos máis delicados é o xudicial. Se ben este marco, o nacemento no ano 2005 de xulgados especializados e outros pasos teñen sido moi importantes na vida de moitas mulleres, tamén é certo que debemos atallar as súas deficiencias con maior dilixencia. Nese sentido a creación dunha unidade específica de Violencia Machista no ámbito da Dirección Xeral de Xustiza encargada de facer cumprir as leis contra a violencia de xénero facilitaría unha maior fiscalización, seguimento e mellora. Vistos os casos que nos teñen escandalizado neste 2018 é obvio que cuestións tan elementais como a formación dos operadores xurídicos ou a habilitación de espazos seguros e íntimos para as vítimas son aínda incumpridos dunha forma que non é tolerábel.

Cada ano máis 5000 mulleres acuden aos xulgados galegos a poñer denuncias, e isto é só a punta do iceberg. Estímase que só un 20% dos casos chega aos xulgados, polo que sería unha irresponsabilidade deitar exclusivamente neste ámbito as actuacións. Por iso, un dos aspectos máis importantes é avanzar na sensibilización social. Neste aspecto os concellos temos un papel clave, non exclusivo pero importantísimo, á hora de comunicar coa veciñanza.

Recentemente o goberno central publicaba no BOE do 3 de agosto o Real Decreto-lei 9/2018 de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste incluíra a recuperación dos concellos de competencias na materia, pasando a engadirse no seu haber a “Actuacións na promoción da igualdade entre homes e mulleres así como contra a violencia de xénero.”. Desde o BNG preocúpanos que esta tan anunciada e publicitada competencia non veña acompañada dun financiamento suficiente nin duns criterios de reparto adaptados á realidade do noso país.

Por estes motivos, o Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade:
1. Expresar o recoñecemento ás históricas mobilizacións desenvolvidas polo feminismo galego e expresar a nosa vontade de sumar desde a administración local a prol da erradicación da violencia machista, para o que se solicita da Xunta de Galiza que demande do goberno central o incremento substancial das contías destinadas á administración local nos Orzamentos do Estado de 2019, así como a reformulación dos criterios de reparto para que se teñan en conta as especificidades do noso país.
2. Demandar da Xunta de Galiza a creación dunha Unidade de Violencia Machista específica integrada na Dirección Xeral de Xustiza encargada de facer cumprir a lexislación en materia de violencia machista no uso das súas competencias no tratamento ás vítimas.
3. Demandar do Consello Xeral do Poder Xudicial o impulso de xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades e avanzar nunha comarcalización dos xulgados acorde coa realidade do noso país e que garanta a igualdade do dereito de atención independentemente do lugar de residencia. Promover o tratamento dos delitos sexuais neste tipo de xulgados especializados.

- Modificación da Ordenanza municipal de circulación a iniciativa do BNG: Nos últimos anos o Concello de Ribeira aumentou as zonas de prioridade peonil, uns lugares que permiten que as persoas poidan gozar e dispoñer do espazo público sen perigos nin riscos que supón o tráfico rodado. Desde o BNG consideramos que se deben aumentar os quiómetros de carrís bici e non só pensando para que se empreguen no tempo libre e de lecer, senón que deben facerse procurando que sexan utilizados como vía de transporte alternativa aos contaminantes. Ademais a construción destas infraestruturas diminuiría as molestias no tráfico rodado e aumentaría a seguridade viaria.
Ribeira ten condicións ideais que permiten, cando menos no centro urbano ao non existiren grandes pendentes, o uso da bicicleta así como outro tipo de vehículos que están aparecendo como os patinetes eléctricos. Ademais o uso destes medios de transporte non contaminantes permiten chegar dun lugar a outro en poucos minutos.

O BNG quere iniciativas que promovan outro tipo de mobilidade, porén a Ordenanza municipal de circulación impide avanzar neste sentido. En dita normativa prohíbese o uso e paso de biciletas, monopatíns, patíns, patinetes e triciclos por rúas e prazas peonís agás para menores de 12 anos. Pérez Barral ve positivo que o Concello de Ribeira teña unha regulamentación para evitar que se produzan conflitos mais “non consideramos positivo que o uso de bicicletas estea restrinxido a só menores de 12 anos, debería estar permitido a todo o mundo”. Pérez Barral defende a necesidade deste cambio normativo en que rúas peonís son espazos máis seguros para a circulación e paso ao non contar con tráfico de vehículos con motor.
O paso e tránsito de vehículos eléctricos, bicicletas e outros elementos similares non pode supoñer a súa circulación sen ningún tipo de control pois as persoas que camiñen por zonas peonís teñen a máxima prioridade e por iso o Bloque propón restrinxir a velocidade á que circulen estes vehículos para evitar atropelos.

O Concello de Ribeira presentará un estudo en menos de dous meses para facer isto posíbel e regular o uso de vehículos de mobilidade persoal como son bicicletas, patinetes eléctricos, cadeiras de rodas eléctricas, etc.
Aprobado por unanimidade

- Iniciativa do BNG para dotar de beirarrúas un tramo da estrada xeral de Castiñeiras: o voceiro do BNG Xosé Vázquez presentou unha iniciativa destinada a que o Concello de Ribeira dotase de beirarrúas un tramo da estrada xeral ao seu paso polo lugar de Areeiros. O tramo da estrada DP-7307 que carece de beirarrúa fai que se acumule a auga e sexa un punto de inseguridade viaria para as persoas que transitan polo lugar, polo que o Bloque pediu que se dote este tramo duns 50 metros aproximadamente de beirarrúa.
Aprobado por unanimidade

- Iniciativa do BNG para demandar a rebaixa do IVE e abaratamento da electricidade: a concelleira Pilar Sampedro defendeu unha iniciativa moi necesaria para loitar contra a pobreza enerxética que padecen 442.000 persoas en Galiza ou evitar que as empresas galegas teñan que deslocalizarse polos altos custos enerxéticos.
A concelleira do Bloque denunciou o actual sistema de xeración de prezos por ser opaco e inxusto pois é un sistema perverso que permite ás eléctricas ter “beneficios chovidos do ceo”, obtendo uns beneficios 5.627 millóns de euros en 2017.
O BNG aposta por que os galegos e galegas, así como as empresas, teñan un beneficio claro por ser Galiza unha nación produtora de electricidade, onde cada ano exportamos unha media do 35% da enerxía que producimos. Esta produción ten un impacto ambiental mais non deixa ningún beneficio social polo que o BNG pediu que se rebaixara o IVE do 21% ao 4% por ser un ben esencial ou modificar as leis que penalizan a Galiza por ser produtora.

A proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP e abstención de PSOE, IPR, C’s e edís non adscritas. Votos a favor do BNG

- A Corporación Municipal solicítalle a Portos un terreo para construír a sede do Clube de Remo: o Concello de Ribeira pedirá un terreo duns 800 metros cadrados aproximadamente no porto de Aguiño para construír a sede do Clube de Remo onde poder desenvolver unha escola municipal e que poida ser sede do Clube de Remo Náutico de Ribeira.

O BNG sempre defendeu que o deporte debe ter suficientes fondos para a súa promoción e actividade e así o demostramos onde gobernamos. Desde o goberno da Deputación da Coruña estase facendo un esforzo por dotar de materiais como son as furgonetas ou a adquisición de bateis para estes clubes e expuxemos a necesidade de que o Concello de Ribeira amosase ese compromiso por mellorar os fondos que destinamos ao deporte.
Desde o BNG alegrámonos moito dos éxitos que están acadando as remeiras e remeiros do Clube de Remo Náutico de Ribeira, pois están conseguindo éxitos que nos sitúan no mapa e que demostran que neste concello existen deportistas de primeiro nivel neste deporte que se suman aos xa existentes noutros deportes.
Ademais están facendo un labor encomiábel na promoción deste deporte non só entre as crianzas e a rapazada senón que tamén promoven o deporte entre os maiores de 35 anos.
O labor que realiza este clube a pesar das precarias instalacións que posúe e os poucos fondos dos que dispón fan que sexa de xustiza que teñan unhas instalacións axeitadas nas que poder desenvolver as súas actividades. Ademais na proposta aprobada pola Corporación Municipal apóstase por crear unha escola municipal de remo para potenciar este deporte náutico.
Aprobada por unanimidade

- Outros asuntos:

Aprobación do III Plan de Igualdade do Concello de Ribeira. É unha ferramenta que permite desenvolver políticas con perspectiva de xénero de maneira transversal. Aprobado por unanimidade

Pagamento horas extra adebedadas a persoal municipal. Aprobado por unanimidade destinar 35.000€ para aboar a persoal municipal os atrasos das horas extra realizadas.

Aprobado por unanimidade que o Concello de Ribeira inste á Xunta de Galiza a realizar as modificacións legais pertinentes para prohibir a apertura de casas de apostas e xogos no contorno de centros escolares.e outros espazos públicos con fluxo de mocidade.

Melloras en parroquias: aprobado realizar beirarrúas desde a escola infantil até o CEIP de Frións, realizar un estudo de pavimentación dunha corredoira en Sirves, melloras na praza dos Muíños (Ribeira), acondicionamento dun camiño na Graña, e instar á Xunta e á Deputación a realizar melloras de seguridade viaria nas estradas que unen Xarás-Frións e Xarás-Hospital.

Imaxes do equipo feminino do Clube Remo Náutico Ribeira cedidas por La Voz de Galicia. Autor: Marcos Creo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *