O BNG quere destinar 46.000€ en axudas ao comercio e hostalaría locais

O BNG critica que o PP gaste 46.000€ públicos nun só día para unha comida

Un ano máis, o Partido Popular organiza o xantar do maior, unha comida de 1.000 persoas que lles custa a todas as veciñas e veciños de Ribeira máis de 45.000 €, unha cantidade excesiva para gastar nun só día.

Consideramos no BNG que as persoas maiores merecen todo tipo de recoñecemento, mais é da máis absoluta hipocrisía que o PP gaste cartos públicos para un gran xantar ao mesmo tempo que recorta dereitos sociais, aplica repagamentos e recortes na sanidade e na dependencia, provocando ano tras ano unha deterioración dos servizos públicos. Sen esquecer, tamén, os centos de veciñas e veciños que unha e outra vez saen ás rúas de Ribeira para reclamar as pensións dignas que lles negan os gobernos do PP e do PSOE na Xunta de Galiza e no Goberno do Estado, respectivamente.

Desde o BNG entendemos que o gasto dunha cifra de tal magnitude debería ser consensuado cos diferentes grupos políticos que conforman a Corporación Municipal, xa que o PP goberna en minoría e non debería facer cousas de maneira unilateral, e moito menos desbaldir máis de corenta e cinco mil euros nun só día, como se non houbese fins máis acaídos onde investilos.

Cremos que se pode facer unha festa dirixida ás persoas maiores, mais non achamos razoábel dilapidar tantos cartos nun único día e mesmo pagarlle pratos a xente que non é nin do municipio. Apostamos por reformular a festa para que, sen eliminar a actividade, se poidan gastar menos cartos e realizar igualmente un festexo de calidade.

Sabedores de que a crise está azoutando con forza sectores de Ribeira, no Bloque Nacionalista Galego consideramos que existen prioridades máis urxentes, polo que propoñemos varias medidas nas que se pode investir dita contía:

A) Destinar parte dos 45.760€ a medidas de dinamización da hostalaría e comercio locais, sectores económicos fundamentais para a vida e o dinamismo de Ribeira e que esmorecen ano a ano debido ao desleixo do goberno local e polo modelo de consumo imposto polo capitalismo, o cal pon a atención sobre as grandes superficies comerciais e as compras por internet. Entre as medidas que habería que desenvolver estarían; mellorar os estacionamentos públicos gratuítos ou colaborar directamente na organización de actividades que dinamicen as rúas comerciais e hostaleiras.

B) Destinar parte dos 45.760€ a tarefas de vital importancia para a localidade como son as políticas de fomento de emprego, nomeadamente entre a mocidade, para evitar que teñan que seguir a emigrar por falta de expectativas e salarios dignos, dado que nos últimos anos máis de 2.000 mozas e mozos de entre 15 e 35 tiveron que marchar do noso municipio (segundo datos emitidos polo Instituto Galego de Estatística). Entre as medidas que habería que desenvolver estarían establecer liñas de subvención dirixidas a comercio e hostalaría que axuden a crear emprego digno e de calidade en Ribeira, convocar axudas ao alugueiro de baixos comerciais ou establecer bonificacións fiscais para empresas que xeren riqueza e emprego de calidade no municipio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *