O BNG propón promover o uso da bicileta e outros medios non contaminantes

Nos últimos anos o Concello de Ribeira aumentou as zonas de prioridade peonil, uns lugares que permiten que as persoas poidan gozar e dispoñer do espazo público sen perigos nin riscos que supón o tráfico rodado. Desde o BNG consideramos que se deben aumentar os quiómetros de carrís bici e non só pensando para que se empreguen no tempo libre e de lecer, senón que deben facerse procurando que sexan utilizados como vía de transporte alternativa aos contaminantes. Ademais a construción destas infraestruturas diminuiría as molestias no tráfico rodado e aumentaría a seguridade viaria.

No Bloque temos claro que ese é o camiño a percorrer, pois gañar espazos para uso e desfrute das persoas, onde os peóns sexan o centro fronte o vehículo privado, é positivo como demostra Carballo unha cidade de igual tamaño que Ribiera ou a multipremiada Pontevedra ambas con gobernos nacionalistas.

Cremos que Ribeira tamén ten condicións ideais que permiten, cando menos no centro urbano ao non existiren grandes pendentes, o uso da bicicleta así como outro tipo de vehículos que están aparecendo como os patinetes eléctricos. Ademais o uso destes medios de transporte non contaminantes permiten chegar dun lugar a outro en poucos minutos.

Todos os argumentos anteriormente expostos, levan a que o BNG propoña iniciativas que promovan outro tipo de mobilidade, porén a Ordenanza municipal de circulación impide avanzar neste sentido. En dita normativa prohíbese o uso e paso de biciletas, monopatíns, patíns, patinetes e triciclos por rúas e prazas peonís agás para menores de 12 anos.

O edil nacionalista Luís Pérez Barral ve positivo que o Concello de Ribeira teña unha regulamentación para evitar que se produzan conflitos mais “non consideramos positivo que o uso de bicicletas estea restrinxido a só menores de 12 anos, debería estar permitido a todo o mundo”. Pérez Barral defende a necesidade deste cambio normativo en que rúas peonís son espazos máis seguros para a circulación e paso ao non contar con tráfico de vehículos con motor.

O paso e tránsito de vehículos eléctricos, bicicletas e outros elementos similares non pode supoñer a súa circulación sen ningún tipo de control pois as persoas que camiñen por zonas peonís teñen a máxima prioridade e por iso o Bloque propón restrinxir a velocidade á que circulen estes vehículos para evitar atropelos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *