O BNG informou á veciñanza sobre os Campos de Samil

O BNG ribeirense celebrou un acto público en Corrubedo, o venres 16 de novembro para realizar unha explicación ante a veciñanza sobre que pasou cos Campos de Samil.

Existe moita inquedanza entre as veciñas e veciños de Corrubedo por mor da opacidade coa que actuou o Partido Popular xa que non informou de nada á veciñanza. Ante esta situación as veciñas solicitaron que o BNG informase e así o fixemos pois cremos que a sociedade de Corrubedo ten todo o dereito a saber que pasou con eses terreos e que actuacións se van facer. O PP prefire desatender as preocupacións das parroquias e por iso o BNG aposta pola transparencia e a participación, cuestións fundamentais para que a xente non pense mal, sobre todo cando se trata dos bens patrimoniais do concello.

Na xuntanza a veciñanza argumentou que non pensa ficar de brazos cruzados ante o que cren un roubo de terreo público e estudarán que se pode facer para demostrar a titularidade dos terreos. Esta situación está causada polo desleixo do PP durante anos, pois a pesar de estaren 30 anos no goberno, houbo que agardar ao ano 2018 para ter inventario de bens.

O BNG rendiu contas ante a veciñanza de Corrubedo e detallou as actuacións realizadas tanto polo concello como pola organización nacionalista. O voceiro do Bloque comprometeuse a seguir apoiando aos veciños en calquera actuación que desenvolvan e ofrece o traballo do BNG. Xosé Vázquez Cobas concluíu que están á disposición da veciñanza de calquera parte do municipio para axudala naquilo que precise.

Os encargados de botar luz no asunto foron os concelleiros Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *